Vodafone só atende chamadas en castelán

A Mesa lembra que o dereito do consumidor a empregar a súa lingua non se garante se as empresas non o corresponden.

Un usuario preguntou a Vodafone nas redes sociais se era certo que, tal e como lle respondeu un teleoperador, só atendían en castelán. A compañía confirmoullo, recoñecendo que no Estado español só atendía en castelán. A Mesa recoñece que viña rexistrando “un alto número de queixas sobre o servizo de atención de Vodafone, que incluía reprimendas, cortes de chamadas e ameazas con supostas multas polo uso do galego”.  Desta vez, engade, Vodafone recoñeceu esta actitude a través da súa conta de Twitter facendo público que a compañía só atende aos seus clientes en castelán independentemente de que o galego sexa un idioma cooficial. Dende o twitter da Mesa impulsouse o hastag #VodafoneOdiaOGalego.

Twitter Vodafone aAnte as queixas nas redes sociais, a compañía telefónica respondeu que no número 22123 se podía presentar a reclamación en calquera lingua. A Mesa comprobou esta afirmación chamando a ese número e tras sinalar o motivo da chamada na “política da empresa contra o galego”, recibiu como resposta que “Vodafone atende chamadas no extranxeiro”.

Casos coma este vulneran a lexislación como o artigo 46 da Lei galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias: “os consumidores, nas súas relacións de consumo, teñen dereito a usar calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galiza”. Porén, afirman da entidade en defensa do galego, este dereito non é correspondido polas compañías. “A Xunta e a Secretaría Xeral de Política Lingüística deben de actuar inmediatamente ante casos coma este”, afirmou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.


Sermos Galiza

 

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS