Virginia, primeira vítima mortal da violencia machista na Galiza no 2017

Unha veciña do Carballiño de 55 anos, Virginia F., era asasinada presuntamente polo seu marido, que foi detido, segundo confirma a Delegación do Goberno central en Galicia.
Imaxe: Ernesto Ilkermn

Primeiro asasinato machista do ano en Galicia. Poucos días despois de que todas as forzas políticas do Parlamento acordasen a necesidade de poñer en marcha un pacto galego contra a violencia de xénero unha veciña do Carballiño de 55 anos, Virginia F., era asasinada presuntamente polo seu marido, que foi detido, segundo confirma a Delegación do Goberno central en Galicia.

Concentracións nas cidades galegas

Segundo informan os responsables da investigación foron parentes da muller quen lanzaron a alerta o pasado domingo, cando a vítima non acudiu a unha cita familiar na que era agardada. Foi esta ausencia a que motivou o aviso ás forzas de seguridade e, posteriormente, o desprazamento da Garda Civil e mais da Policía local á vivenda na que residía o matrimonio.

Na vivenda os axentes atoparon o corpo da muller asasinada e ao acusado do asasinato portando unha arma branca, coa que tras cometer a agresión tentara suicidarse. Tras ser atendido no centro sanitario do Carballiño foi trasladado ao hospital de Ourense para ser obxecto dun exame psiquiátrico e avaliar o estado da demencia que, segundo informa Faro de Vigo, padece. Neste complexo hospitalario está prevista a realización da autopsia da muller asasinada.

“A familia da muller asasinada alertou da súa ausencia ás forzas de seguridade, que a atoparon acoitelada na súa vivenda”

Este novo caso mortal de violencia de xénero prodúcese apenas un mes despois de que dúas mulleres fosen asasinadas en Vigo e Santiago polas súas ex-parellas. O asasinato da veciña do Carballiño derivou xa en diversas mostras de repulsa e na convocatoria de mobilizacións contra a violencia machista na propia vila ourensá e por parte doutras institucións, como o Parlamento de Galicia e varios municipios. Igualmente, a Marcha Mundial das Mulleres convocou actos de denuncia e protesta para este martes ás oito da tarde no Carballiño e nas sete cidades galegas.Atendendo á información facilitada pola delegación gobernamental “o presunto homicida conta con intervencións policiais previas”, aínda que non ligadas ás agresións de xénero. Segundo transcendeu na mañá deste luns, o agora detido tentara suicidarse hai pouco tempo.

Agresión en Ferrol ante os fillos

O home, confirma o corpo policial, cometeu a agresión tras transgredir a orde de afastamento que “lle prohibía achegarse ou comunicarse” á vítima por calquera medio, tal e como ditaminara un xulgado ferrolán. Tras ser posto á disposición da Policía Nacional agora é obxecto dunha nova imputación dun delito de violencia machista.Este mesmo luns transcendeu tamén outro episodio de violencia machista no país, neste caso en Ferrol.

“O agresor de Ferrol quebrantou a orde de afastamento e agrediu a muller ante os seus catro fillos”

O pasado sábado a Policía Local de Ferrol foi alertada por un veciño da rúa Instituto Monfero, que deu conta da chamada de auxilio dunha muller pola fiestra da súa casa. Ao chegar os axentes atoparon a muller “cunha ferida sangrante” provocada polo seu marido, que a agredira en presenza dos seus catro fillos.

Categorías
Xéneros e Sexualidades

RELACIONADAS