Vanesa, ameazada con ser desafiuzada en Vigo, pide traballo ou unha vivenda

Ernesto Ilkermn / Roberto Solano

Vanesa Bregua e os seus dous fillos de 9 e 6 anos terán que deixar o piso subvencionado pola Xunta de Galicia: non pode seguir pagando o aluguer. Cos exiguos ingresos de que dispón para manter a unha familia de 3 membros monomarental non pode facer fronte ao pago dun aluguer. Como ela 174.000 fogares galegos atópanse en exclusión social. Ademais en Galicia un 9 % dos fogares vive sen ingresos, de acordo cos datos da última EPA, que revela que hai 38.300 familias nesta situación en toda as CCAA. Supón un incremento dun 17 %: 5.200 fogares máis, que se traducen en que cada día 7 familias perden as súas vivendas, de acordo coa información que facilita o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A PAH compareceu con Vanesa na mañá do 14 de outubro nas escaleres do MARCO para buscar axuda ao seu caso concreto e poñer de manifesto esas cifras estatísticas que son apenas liquidadas por parches do Concello ou da Xunta, como lle pasou a Vanesa: o plan Aluga [aluga] da Xunta non a cobre xa polo que non puido pagar os recibos de aluguer, sendo denunciada pola propietaria da vivenda. Está, pois, pendente dunha orde de desafiuzamento que se executan con máis celeridade ao tratarse de alquieleres. A pesar do bono de 200 € ao mes que a Xunta lle concede, resulta imposible para ela poder acceder a unha vivenda de mercado, posto que lle esixen avais e fianzas das que non dispón. Ao carecer de familia -salvo os fillos menores ao seu cargo- o seu caso adquire maior dramatismo, posto que se atopa soa e depende do apoio que algunhas organizacións como a PAH están a prestarlle e que ela agradeceu de forma emotiva na súa intervención. Quere “traballar ante todo” para poder saír adiante cos seus fillos nunha vivenda digna. Como aínda non lle foi asignado avogado de oficio para afrontar o xuízo Carlota Pérez, portavoz da PAH Vigo-Baixo Miño, afirma que “aínda hai tempo” de axudar a Vanesa, xa sexa ofrecéndolle un traballo ou que alguén lle ofreza unha vivenda para ela e os seus dous fillos. Se non o calvario que lle espera será similar ao de moitas mulleres que ven na rúa e que, ese mesmo día, tiveron un bronco enfrontamento con concelleiros do PP de Vigo polas políticas sociais e de vivenda da Xunta de Galicia.

+FOTOS

Categorías
Dereitos Sociais
Ernesto Ilkermn

Fotógrafo e Xornalista. Sempre disposto a disparar e cubrir eses casos aos que a prensa tradicional non chega e non quere chegar. Colabora con varios medios, como: Tercera Información ou Revolución Permanente.

RELACIONADAS