Unha moza asasinada en Vigo e outra acoitelada en Compostela en apenas 12 horas

A policía busca os responsábeis. No caso da muller acoitelada na capital de Galiza, a procura céntrase na parella da vítima.
Concentración en Vigo contra a violencia machista / Ernesto Ilkermn

O cadáver de Ana E.C, unha moza duns 25 anos de idade e natural de Boqueixón, foi atopado ás 6.00 horas deste sábado no portal do edificio Avenida de Madrid de Vigo onde vivía de alugueiro. O corpo atopouno un veciño, que procedeu a chamar aos efectivos de emerxencias. O corpo presentaba varias puñaladas e a Policía xa traballa coa hipótese dun asasinato machista. Segundo diversas fontes citadas por axencias, a moza saíra na noite da sexta feira para gozar cos compañeiros dunha cea de empresa. Traballaba nunha auxiliar de Citröen após finalizar os seus estudos de enxeñeiría industrial.

Poucas horas antes, a media tarde da sexta feira, unha moza de 30 anos, E.N, era vítima de varias coiteladas na súa propia casa, en pleno Ensanche compostelán. A moza atópase en estado moi grave no Hospital de Compostela. A policía busca o seu compañeiro sentimental, co que mantivo momentos antes unha forte discusión que levou os veciños a chamar á Comisaría. A vítima traballaba de camareira nunha cafetaría da capital galega.

Sermos Galiza

Categorías
Xéneros e Sexualidades

RELACIONADAS