Unha academia tiña identico temario ao das oposicións de gardacostas da Xunta

O CSI-F denuncia que a academia á que a Xunta copiou o temario ten contratado como profesor un inspector da Consellería do Mar
Gardacostas do pesca 1 - Imaxe: xunta.gal

A Xunta vén de retirar o temario específico dunhas probas para o ingreso no corpo de Gardacostas ao comprobar que era idéntico aos que imparte unha academia privada desde hai ano e medio. A Dirección Xeral de Función Pública adoptou esta medida logo de verificar a denuncia do sindicato CSI-F sobre os temas establecidos para este proceso selectivo para o corpo de axudantes facultativos da Administración Especial da Xunta, subgrupo C1.

A Xunta retirou o temario dunhas probas para o ingreso no corpo de Gardacostas ao comprobar que era idéntico ao que imparte unha academia privada

O temario, tal e como aclara a central sindical, era “idéntico ao 100%” e contaba cos mesmos epígrafes e a mesma orde. Segundo informou a Xunta ao sindicato na Mesa Xeral de Negociación, a Consellería do Mar, o departamento a onde se incorporarán os opositores que superen a oposición, tamén abrirá un proceso de investigación interna por se fose necesario depurar responsabilidades.

O CSI-F advertira tamén que, “curiosamente”, a academia á que a Xunta copiou o temario “ten contratado como profesor para preparar esas oposicións un inspector da Consellería do Mar”.

Para o CSI-F, a coincidencia nos temarios “demostra a falta de control dos procesos selectivos e a conivencia da Administración con grupos privados de preparación de oposicións en detrimento de a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), que é a encargada, por mor dun acordo do Consello da Xunta de 2009, de elaborar os temarios de todas as oposicións”.Dada a situación, a Xunta propuxo outro temario para este proceso selectivo ante a advertencia, por parte do sindicato, de que, “de non ser así, o proceso selectivo nacerá viciado e sería obxecto de novas impugnacións xudiciais, cos consecuentes prexuízos, incluído a posible anulación das oposicións por parte dos xuíces”.
Non é a primeira vez que se denuncia esta situación de indefensión dos opositores a postos da Administración galega. O CSI-F lembra que recentemente varias sentenzas do Tribunal Supremo evidenciaron a discrecionalidade de varios tribunais de selección, ao determinar que “bordean a arbitrariedade das súas funcións” e “escapan a todo tipo de contro, mesmo en vía xurisdiccional”.

O CSI-F denuncia “estes casos de indefensión que comezan a ser frecuentes na Xunta” e insiste “na necesidade de crear a figura do Defensor da legalidade”, que sería nomeado polas organizacións sindicais máis representativas na Función Pública galega. Non formaría parte dos tribunais de selección pero participaría con voz, e sen voto, na configuración das probas selectivas e no control da avaliación.

praza.gal

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS