Un mes máis a Rede concentrouse diante do MARCO para denunciar a lacra da violencia de xénero.

Polas asasinadas que xa non poden estar gardouse un rigoroso minuto de silencio. Antes leron o manifesto contra a violencia de xénero no que sinalan que queren “facer ben...
Polas asasinadas que xa non poden estar gardouse un rigoroso minuto de silencio. Antes leron o manifesto contra a violencia de xénero no que sinalan que queren “facer ben visible o noso rexeitamento á violencia machista que non cesa”, o que a converte nun problema de estado que ten que solucionarse con “unha rede de atención, asistencia e protección social que garanta ás mulleres en situación de violencia a súa seguridade e o dereito a refaceren as súas vidas”, que alonxe a violencia delas e das súas crianzas.
14882255_892510957547902_2277751230493855561_o-1
Por outra banda salientaron tamén a violencia sexual “que é unha constante no día a día das mulleres que padecen maltrato, pero tamén nas mozas, que cada vez máis están expostas ás agresions sexuáis polos seus compañeiros, que consideran que polo feito de ser homes teñen máis dereitos sobre as mulleres”.
Dada a complexidade da violencia de xénero é preciso unha formación completa e rigorosa para as persoas que a tratan na xudicatura, nos equipos psicosociais, no traballo social ou na policía. Por iso piden “unha formación específica na materia antes de ocupar un posto”.
Denuncian o grave problema que está acontecendo cando tras ditar unha orde de afastamento algúns individuos “saltan por riba de todas as normas legais e seguen torturando ás vítimas. Ás veces conseguen o seu obxectivo: matalas”. O tratamento mediático sensacionalista tamén foi criticado porque moitas veces presentan aos violentos como “boas persoas”, en referencia a esas novas nas que veciños e veciñas do asasino falan del como se fose un máis.
Con 70 mulleres asasinadas no que vai de ano “vivimos un momento tan tráxico que non podemos dar nin un paso atrás para conseguir a erradicación da maior lacra social que existe: a violencia de xénero”. A despreocupación do Goberno por erradicala quedou de manifesto nos debates electorais onde non tivo apenas presenza; no 2015 denegoulle protección policial a 2 de cada 3 mulleres; a valoración policial do risco de violencia sobre a muller baixou deste xeito artificialmente de 30.000 vitimas en 2010 a 16.000 no 2015; e no 2016 recortouse un 10 % o orzamento do estado para a loita contra a violencia de xénero.
Actos como esta concentración do 27 de outubro crean unha nova conciencia social, demandando políticas públicas de prevención e atención sicolóxica, social e xudicial e facendo que os medios de comunicación visibilicen as diferentes violencias machistas.
Unha vez rematada a concentración anunciaron que no mes de novembro estarán o 25 no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, na manifestación que terá lugar en Vigo, en vez da concentración de cada mes.
Categorías
Xéneros e Sexualidades
Ernesto Ilkermn

Fotógrafo e Xornalista. Sempre disposto a disparar e cubrir eses casos aos que a prensa tradicional non chega e non quere chegar. Colabora con varios medios, como: Tercera Información ou Revolución Permanente.

RELACIONADAS