Un empresario acusa a Feijóo ante a xuíza de favorecer a Monbus

A Xunta agochou por dúas veces datos á maxistrada lucense sobre a súa participación a través de Sodiga no capital do grupo Monbus empresa de Raúl López.
Feijóo e Raúl López antes dun encontro do Obradoiro

Donado Campos queixouse no xulgado da pasividade da Xunta ante as supostas irregularidades cometidas pola empresa de Raúl López na liña de transporte entre Santiago e Os Tilos. A Xunta participou ata en tres ocasións en ampliacións de capital de Monbus.

Raúl López quería a toda costa quedarse co transporte de viaxeiros entre Santiago e a urbanización limítrofe Os Tilos, pero había outra empresa que tamén explotaba ese servizo. La Estradense e Castromil, pertencente ao grupo empresarial Monbus, presentaron ambas as dúas recursos para tentar quedar coa concesión. Foi entón cando Alberto Núñez Feijóo, daquela conselleiro de Política Territorial, chamou a Miguel Ángel Donado Campos a unha reunión cunha proposta: se retiraba o recurso ante o TSXG, a Xunta procedería ao reparto do servizo. O co-propietario de La Estradense aceptou a palabra de Feijóo e retirou o recurso, pero este non cumpliu o acordado, favorecendo deste xeito os intereses de Raúl López.

Pilar de Lara, instructora do caso Pokemon

Pilar de Lara, instructora do caso Pokemon

Esa foi a declaración de Miguel Ángel Donado Campos ante a xuíza Pilar de Lara en setembro do 2015. Segunda esta testemuña, escribiu arredor de 50 cartas a Feijóo pero non obtivo contestación. Cando o popular accedeu á presidencia da Xunta, retomou as misivas xa que o problema subsistía, pero seguiu sen contestación.

En febreiro de 2006, unha resolución administrativa da Xunta autorizou a Castromil a explotar a liña entre Santiago e Os Tilos. La Estradense recorreu e o TSXG e o Supremo déronlle a razón, anulando a citada resolución. Malia a iso, en versión do empresario, a Xunta non fixo nada para executar a sentenza e non solucionou o conflicto, permitindo que Castromil, que actuaba en base á resolución administrativa anulada, continuase prestando o servizo. Ante a xuíza De Lara, Donado Campos presentou numerosa documentación (incluídas as cartas enviadas a Feijóo) e denunciou a pasividade da Xunta ante as súas constantes queixas polas irregularidades da competencia.

Participación da Xunta en Monbus

Foi precisamente Donado Campos quen advertiu á xuíza sobre “a anomalía”, segundo o empresario, de que a Xunta adxudique concesións a unha empresa da que formaba parte do seu capital a través de Sodiga. A maxistrada Pilar de Lara enviara requerimentos á Administración autonómica para que lle informase sobre a participación, directa ou indirecta, en Monbus, pero ata en dúas ocasións, a Xunta non aclarou nada á xuíza.

Pilar de Lara dictou unha nova providencia, a terceira, en outubro de 2015: “Líbrese nuevo oficio a la Xunta de Galicia, a fin de que en el improrrogable termino de dos días, conteste a dicho extremo certificando si la Xunta, bien directamente, a través de alguna sociedad, entidad u organismo autónomo o de cualquier otra clase, ha sido o no partícipe o ha tenido participación de cualquier clase en el capital de cualquiera de las empresas del grupo Monbus reseñadas en oficios anteriores. En caso de no tener en la actualidad o no haber tenido nunca dicha participación tampoco anteriormente, se certifique sobre tal extremo. En caso de no cumplir el requerimiento, cumplirlo tardíamente o de forma defectuosa, se incurrirán en las correspondientes responsabilidades penales, todo ello por cuanto que se trata del tercer requerimiento que se efectua sobre la cuestión”.

Baixo amenazas, chegou a resposta da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, incluídas as desculpas: “Esta Intervención Xeral lamenta o erro producido e manifesta (…) a súa total disposición para colaborar con ese xulgado”. A Xunta revela que participou en ata tres ampliacións de capital na empresa de Raúl López, no 2002, 2003 e 2009, participacións que revendeu a Monbus en decembro do 2013. No 2003 chegou a invertir 3.766.297 euros. Asi mesmo, no 2009 e a través de XES Galicia-Sodiga, concedeulle un préstamo de 5 millóns de euros, que foi renovado en decembro do 2013.

Precisamente, no último auto da maxistrada lucense, entre os 23 investigados por recibir agasallos de Monbus por riba dos 400 euros, figura José Ramón Valladares Vaquero, ex -director de inversións de Sodiga despedido en xullo do 2014, que este xoves declara no xulgado número 1 para declarar como imputado ante a maxistrada lucense.

Categorías
Política

RELACIONADAS