Un dos castros máis grandes de Galiza, ameazado polo desdobramento do Corredor do Morrazo

O Castro de Montealegre, en Domaio (Moaña), descuberto na pasada década dos 20, foi dos primeiros en ser escavados en Galiza.
Castro de Montealegre - patrimoniogalego.net

O castro de Montealegre, na parroquia de Domaio, Moaña, foi descuberto vai para cen anos, sendo dos primeiros en ser escavado e estudado, por Losada Diéguez e en dúas campañas (1925-1926). Hai unha década, na construción do Corredor do Morrazo (CG-4.1) o xacemento zafou da piqueta ao se construír finalmente un túnel na base do monte o que non evitou que sofrese unha “afección crítica” (Roberto Aboal e Virginia Castro, ‘O castro de Montealagre‘, Toxosoutos).

Agora, voces como ‘Historia de Galicia‘ alertan de que as obras de desdobramento do corredor suporá que este xacemento pode desaparecer en grande medida. “Ficará só en pé a croa do xacemento”, afirman na web, ao tempo que lembran a cantidade de restos e achados que se atoparon nel.

Escultura dun ‘guerreiro castrexo’

Por exemplo, unha escultura antropomorfa de granito, de 60 centímetros de alto e que “foi atopada no propio contexto arqueolóxico. Un feito que fai que o equipo do arqueólogo Miguel Vidal apunte a que se trate dun guerreiro castrexo”, indican en Historia de Galicia. Unha hasta de cervo de 2.000 anos de antigüidade, unha moeda coa esfixia do emperador romano Tibeiro (anos 14-37 antes de Cristo), 20.000 pezas clasificadas (restos de ánforas, últiles de cociña…), son algúns dos restos atopados neste castro. Un xacemento, ademais, que na contorna ten varios petroglifos. E destaca, aliás, un vial de entrada enlousado ao castro. Do que se convervan 10 metros en perfecto estado de conservación.

A preocupación tamén chega a diferentes forzas políticas. Alexandra Fernández, En Marea, escribiu recentemente na súa conta de tiwtter: “O Castro de Montalegre, un dos tres máis grandes de Galiza, desaparecerá por mor das obras do corredor do Morrazo. Nefasta xestión”.

Habitado por 300 persoas

Patrimonio galego considera que neste castro, “que alcanzou as 3 hectáreas de superficie” calcúlase que residiron unhas 300 persoas e é canda castros como o de Santa Tegra ou San Cibrao de Lás “entre os máis grandes de Galiza”.

X.M.P.    Sermos Galiza

Categorías
Ecoloxía

RELACIONADAS