Un Boeing da compañía aérea ‘Norwegian’ levará a imaxe de Rosalía de Castro

A liña quer homenaxear unha figura cun duplo papel pioneiro, afirma, “na recuperación do galego” e “na emancipación da muller”

Rosalía de Castro percorrerá os ceos de Europa. A imaxe da escritora galega vai figurar nun novo Boeing 737-800, de 186 prazas, da compañía Norwegian, considerada por cuarto ano consecutivo a mellor low-cost en Europa. Segundo informa a liña, a montaxe da imaxe de Rosalía, “que se leva xestando durante estes meses”, vaise levar a cabo no hangar de Norwegian durante o vindeiro mes de marzo.

A compañía argumenta a decisión no duplo papel pioneiro de Rosalía de Castro: “Na recuperación do galego como lingua de cultura e o seu papel como matriarca das letras galegas” e, por outra banda, “o seu papel na emancipación da muller”. Miguel Urresti, responsábel de Marketing de Norwegian no estado español afirmou que era “a nosa achega ao 180 aniversario do nacemento da escritora”.

Coa incorporación de Rosalía de Castro xa son 85 os avións de Norwegian cuxas colas están decoradas con imaxes de personaxes históricas, desde a pioneira británica da aviación Amy Johnson, ao explorador noruegués Roald Amundsen, a actriz sueca Greta Garbo, a escritora danesa Karen Blixen ou Miguel de Cervantes.

 

Sermos

Categorías
Cultura

RELACIONADAS