Tres detidos na Galiza por violencia de xénero nos primeiros días do ano

Tres homes foron detidos durante os últimos días en Galicia por agredir as súas parellas e ex-parella. Todos eles foron arrestados por un presunto delito de violencia de xénero...
Imaxe: Ernesto Ilkermn

Tres homes foron detidos durante os últimos días en Galicia por agredir as súas parellas e ex-parella. Todos eles foron arrestados por un presunto delito de violencia de xénero en tres novos casos acontecidos en Pontevedra, A Coruña e Vigo nesta primeira semana de ano.

Tres homes foron detidos na Coruña, Vigo e Pontevedra por un presunto delito de violencia de xénero

O primeiro dos casos tivo lugar o pasado 5 de xaneiro pasada a media noite na cidade do Lérez, onde a policía local detivo un veciño de 33 anos por un suposto delito de violencia machista. Os axentes acudiron a unha vivenda logo da chamada telefónica que alertaba dunha forte discusión entre un home e unha muller ademais de choros de nenos nesa casa. Segundo as forzas de seguridade, a afectada tardou un tempo en poder abrir mentres pedía ao presunto agresor que llo permitise e non lle pegase máis.

A muller contoulles aos axentes que fora agredida pola súa parella e amosoulles marcas no pescozo, ademais de manifestar que non era a primeira vez que ocorría e que xa o denunciara noutras ocasións.

Todos os detidos terían agredido ás mulleres en presenza dos seus fillos

No caso da agresión de Vigo, a policía local detivo o pasado sábado un veciño por pegar a súa muller na cara cando se atopaban, xunto á súa filla de seis anos, no domicilio que ambos os dous comparten. Segundo os axentes, o home atopábase consumindo substancias estupefacientes no momento da agresión machista.

Na Coruña, o presunto agresor foi arrestado o pasado venres por terlle dado unha patada e unha labazada a súa ex-muller diante dos fillos que teñen en común. Segundo a policía local, o home presentouse ás 6 horas da madrugada no domicilio da muller para levar os agasallos de Reis aos dous fillos que teñen en común.

Segundo as forzas de seguridade, ao ver a muller que o home se atopaba baixo os efectos de substancias estupefacientes propúxolle durmir no sofá á espera de que se erguesen os cativos. Ao esperar, segundo relatou a afectada, comezou entre ambos unha discusión na que o agresor acabou por darlle unha patada e unha labazada en presenza dos seus fillos.

Estas tres detencións chegan tan só unhas semanas despois de que dúas mulleres foran asasinadas en Galicia en decembro, unha delas en Compostela e outra en Vigo.

Precisamente, o pasado mes o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) facíase eco dos datos difundidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial a respecto da actividade dos xulgados que abordan a violencia de xénero. En tan só tres meses, de xullo a setembro do pasado ano, estes xulgados recibiron 1.431 denuncias, un incremento interanual do 6%, en procesos que atinxiron a case 1.350 mulleres.

Segundo o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, que procesa estes datos, a maior parte das denuncias por violencia machista recibidas nos xulgados galegos proceden de atestados policiais, máis do 65% do total. Nestes órganos xudiciais foron solicitadas 497 “ordes e medidas de protección” e delas foron aceptadas 348. Segundo os datos difundidos dende o TSXG o 81% dos axuizados en procesos por violencia sobre a muller acaban condenados, cinco puntos máis que no mesmo período do ano anterior.

praza.gal

Categorías
Xéneros e Sexualidades

RELACIONADAS