Traballadorxs de Ferroatlántica iniciarán un peche no Concello de Cee contra a venda das centrais

A partir do luns 21, con concentracións diarias ás portas da casa consistorial

Logo da multitudinaria concentración do pasado sábado en Cee, o Comité de Ferroatlántica xa acordou novas mobilizacións para esixir a intervención inmediata da Xunta e a paralización da venda das centrais hidroeléctricas. A partir do vindeiro luns dará comezo un peche no Concello de Cee e haberá concentracións diarias diante da casa consistorial de 18:30h a 19:30h.

A decisión adoptouse na reunión que o comité mantivo coas centrais sindicais con representación, na que se acordou convocar asembleas para o vindeiro venres nos centros de traballo co obxectivo de organizar o peche nas instalacións do Concello de Cee. Ao tempo, continuaranse recibindo apoios a través de reunións e recollida de sinaturas.

Non chega con que o PP da comarca se sitúe detrás dunha pancarta mentres o seu goberno pode ser o noso verdugo”

“Todo para exixir a intervención inmediata da Xunta para que paralice a venda. Non chega con facer declaracións ambiguas de garantía do postos de traballo, nin que o PP da comarca se sitúe detrás dunha pancarta mentres o seu goberno pode ser o verdugo da comarca”, aseveran.

Neste senso, reiteran que a única garantía para os empregos é manter a vinculación da actividade de produción de enerxía e ferroaleacións. Polo que consideran que “non é admisíbel que despois dun mes do anuncio por parte da empresa da intención de vender, cunha problemática que afecta tan de cheo social e economicamente a toda unha comarca e das innumerábeis peticións de reunións realizadas ao Presidente da Xunta, este aínda non se dignase a recibirnos”.

Agradecementos polos apoios recibidos

O apoio que reciben as protestas revela a preocupación que hai na comarca pola venda das centrais”

Doutra banda, o Comité quixo agradecer a alta participación e implicación da xente da comarca na concentración do sábado pasado “a pesar das condicións meteorolóxicas”. As  mostras de apoio chegaron de institucións políticas, de asociacións, comités de empresas da comarca, autónomos/as, empresas (que nalgúns casos pecharon os establecementos durante a protesta) e mesmo en eventos deportivos se trasladou o apoio á reivindicación contra a “venda das centrais e a non segregación de actividades”.

“Esta claro que este apoio amosa a preocupación e concienciación de toda unha comarca contra a unha decisión puramente especulativa como é a venda das centrais, que levaría a perda de centos de postos de traballo directos e indirectos e graves consecuencias económicas e sociais”, conclúen.

CIG

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS