Traballadores de PSA Vigo saen a rúa en protesta polos “altos ritmos” de traballo [Vídeo]


CIG, CUT e CCOO convocaron a mobilización e chaman o cadro de persoal de montaxe da factoría a non acudir ao seu posto coincidindo coa xornada de traballo extraordinaria do vindeiro sábado día 8.

O malestar esténdese por todo o sector da automoción, desde auxilares até a factoría que é o elo principal da cadea. O aumento dos ritmos e cargas de traballo están a levar os operarios até o extremo. Someténdoos a unha sobrecarga física e mental.

Neste marco, a dirección de Citroën tomou a decisión de incrementar a cadencia de traballo a partir deste mes de xullo, cando está previsto que se fabriquen nove vehículos máis en cada unha das tres quendas sen que isto supoña a contratación de máis traballadores. A resposta de CIG, CUT e CCOO foi convocar unha concentración, que decorreu este sábado 1 de xullo, para alén de chamar a o persoal a non acudir ao seu posto coincidindo coa xornada de traballo extraordinaria do vindeiro sábado día 8.

Arredor de 1000 traballadores e traballadoras tomaron parte na mobilización, que comezou cunha concentración ás portas da factoría para a seguir saír en manifestación até Castrelos e retornar á fábrica. Os sindicatos piden unha mellora no equilibrio dos repartos creando máis postos na liña (segundo os seus cálculos sería necesario contratar 30 persoas, 10 por quenda) e concretar cal vai ser o incremento dos descansos que se van establecer mentres dure esta nova cadencia.

A decisión da empresa vai supoñer aumentar produción nun coche cada hora (nove por quenda), o que vai recaer sobre as costas do persoal de montaxe, que xa atura cargas de traballo moi elevadas. Para os sindicatos, os repartos de traballo establecidos pola dirección son “irrealizábeis” ao tempo que lembran que o aumento do nivel de traballo provoca un importante índice de absentismo: na actualidade arredor de 400 dos 5500 empregados da factoría viguesa atópanse e baixa, a metade dende hai máis de seis meses.

 

 

Nova: Sermos Galiza

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS