SOGAMA aumenta as emisións de gases de efecto invernadoiro entre 2009 e 2015 tratando menos residuos!

Cada vez van ficando máis claras as razóns polas que a Xunta de Feijóo censurou toda información sobre SOGAMA nada máis chegar ao poder en 2009.

Acontece que resulta moi difícil de explicar como unha empresa semipública que custa á cidadanía galega 188 millóns de € todos os anos, e ten case arruinado a moitos concellos coas súas continuas subas das taxas e os seus contratos leoninos, ten uns índices de reciclaxe máis propios do franquismo, concretamente o 3,4% en 2015 (e baixando con respeito aos anos anteriores).

Xa que logo a recente publicación, por imperativo legal iso sí, da memoria de SOGAMA non debeu ser prato de gusto para a conselleira, ou se cadra sí, vista a satisfacción coa que o presidente de SOGAMA e a Sra. Mato presentaban hai uns días as cifras desta memoria longamente agardada.

SOGAMA, exemplo máximo de ineficiencia e fonte de cambio climático

Toneladas de GEIs por toneladas tratadas e anos

Aparte das ridículas cifras de reciclaxe das que SOGAMA presenta na súa memoria (convintemente camufladas como “índice total de reciclaxe” en lugar de porcentaxes totais), outros datos que chaman a atención son os das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEIs). CO2, metano e óxidos de nitróxeno aumentan en 2015 con respeito a 2009 a pesares de que SOGAMA tratou menos residuos.

Ao compararmos o ano 2015 co 2009 (táboa da dereita) e tendo en conta as emisións de GEIs por tonelada “tratada”, estas aumentaron para o conxunto dos residuos un 47,7% en 2015, malia a que en 2009 tratáronse unhas 85.000 toneladas máis. E desagregando a incineración do vertido, obtemos que para o queimado, a intensidade de xeración de gases aumentou outro 35% en 2015; e para o vertedoiro subíu nada menos que un 120%, malia a enviárense 172.000 toneladas menos á Areosa en 2015 que en 2009.

Como é posíbel que vertendo e queimando menos residuos (polo efecto da crise, obviamente, non das políticas públicas de redución que son inexistentes), SOGAMA estea a ser máis intensiva na emisión de gases de efeito invernadoiro, situándose entre as primeiras “fábricas de cambio climático” de Galiza?

 

A baixa eficiencia da incineración, faina equivalente a un vertido

Coas cifras da memoria, tamén vimos de calcular o índice de eficiencia da incineración, que a normativa establece nun mínimo de 0,6 para que o proceso poida ser considerado unha valorización enerxética. De non acadar esta cifra, a incineración equivale a un vertido, e o proceso non sería moi distinto a cando o lixo se queimaba nos vertedoiros.

Pois ben, malia a sermos conservadores na asignación das cifras que figuran na memoria de SOGAMA á fórmula de eficiencia ([Ep-(Ef+Ei)]/ 0,97x(Ew+Ef)]), e a que desoñecemos o consumo de gasoil para levar o lixo en camión e tren dende todo o país a Cerceda (que rebaixarían máis a eficiencia), o resultado é que en ningún ano SOGAMA acada a eficiencia mínima (0,6) que marca a UE para que a súa incineración poida considerarse valorización. Velaí as cifras:


Coas cifras de SOGAMA na man, podemos afirmar que o tratamento “modelo” do que presume a conselleira é terceiro-mundista en cifras de reciclaxe, intensivo na emisión de gases de efecto invernadoiro e fortemente ineficiente (ademais de caro e lesivo para os intereses públicos). O que fai SOGAMA nas súas instalacións non é nin máis nin menos que unha eliminación directa a vertedoiro, e unha eliminación mediante incineración que muda o lixo de fase, transformándoo en gases que contribúen á mudanza climática, ademais de cinzas tóxicas e perigosos velenos como as dioxinas, furanos, PCBs…

Xurde tamén, entre outras, a seguinte pregunta: se SOGAMA elimina por dúas vías, como é que cobra aos concellos a prezo de incineración o que só é un simples vertido dual?

adega

Categorías
Ecoloxía

RELACIONADAS