Sen fronte común no Parlamento contra o veto ao traspaso da AP-9, que todos os grupos defenden

No “que” non existe discrepancia. Todos os grupos con representación no Parlamento galego defenden o traspaso á Xunta das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. Así o concretaron a...
Teo peaxe
Atasco na peaxe da AP-9 en Teo ante un sinal de "pago fácil"

No “que” non existe discrepancia. Todos os grupos con representación no Parlamento galego defenden o traspaso á Xunta das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. Así o concretaron a pasada primavera nunha proposición de lei a partir dunha iniciativa do BNG e así o manifestaron con claridade nos programas electorais cos que concorreron ás eleccións do 25 de setembro. No entanto, as manobras do gabinete de Mariano Rajoy, aínda en funcións, para torpedear o derradeiro trámite da proposta galega, a aprobación o Congreso, velen de rachar a unidade de acción cando menos nas formas. Así, cando menos de momento, non haberá “fronte común” para defender a posición do lexislativo galego.

Despois de que saíse á luz o informe co que Moncloa e Fomento tentan paralizar a lei -a súa cerna é o suposto impacto nos orzamentos dun eventual rescate da autoestrada, baseada nun cálculo erróneo, como informou Praza.gal– as forzas parlamentarias galegas reiteraron a súa aposta polo traspaso e a líder do BNG, Ana Pontón, dirixiuse por carta aos seus homólogos de PP, En Marea e PSdeG para convidalos a tecer nunha xuntanza a devandita “fronte común”. Tratábase, sinalaba Pontón, de “facer valer” o dereito do Parlamento de Galicia a que a súa iniciativa sexa debatida -e, previsiblemente, aprobada, dada a correlación de forzas no Congreso-.

Leiceaga declinou acudir ao encontro porque ve preferible que sexa a Mesa do Parlamento a que impulse a reclamación, evitando así “a dialéctica goberno-oposición” neste asunto

Nun primeiro momento semellou que o chamamento ía ter éxito, cando menos pola banda da oposición. Así, fontes parlamentarias consultadas por este diario confirmaron a asistencia á xuntanza, este martes pola mañá, de cando menos o voceiro de En Marea, Luís Villares, e mais do seu homólogo socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, ademais da propia Pontón. Os receos, daquela, limitábanse ao PP, que se ben reiterou a súa defensa do traspaso non considerou oportuno defendelo deste xeito. Alberto Núñez Feijóo argumentou, ademais, que non era oportuno reactivar a demanda mentres os gobernos galego e central estean en funcións -o trámite parlamentario é independente desta circunstancia-.

No entanto, este luns mudou o guión. Nunha comparecencia ante os medios o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, matizou que a súa postura pasa pola necesidade de que os grupos parlamentarios insistan na súa “posición unánime”, pero esa reiteración, di, debe chegar a través do Parlamento como institución. Cómpre, di, “evitar a dialéctica goberno-oposición” e fuxir “do conflito interno” en Galicia. É por iso que confirmou que non se suma á xuntanza da “fronte común” que xa non será tal, cando menos na forma inicialmente prevista. Ao tempo, o PSdeG rexistrou unha iniciativa para reclamar que sexa a Mesa do Parlamento para que, no nome do conxunto da Cámara galega, defenda que continúe a tramitación da lei do traspaso.

Nesta liña, quen será anfitriona do encontro puña o foco este luns no perfil baixo do presidente da Xunta en funcións na defensa do rescate. Ao non acudir á Xuntanza, di Ana Pontón, Feijóo “comeza a lexislatura demostrando que será cómplice dos agravios ao noso país e demostra a súa incapacidade de defender os intereses de Galiza cando o necesita”. Feijóo, ironiza a líder soberanista, cambia o “Galicia, Galicia, Galicia” da campaña por “PP, PP, submisión, submisión”.Quen si acudirá á convocatoria lanzada polo Bloque é Luís Villares, voceiro de En Marea. Nos últimos días o voceiro deste grupo en materia de infraestruturas, Antón Sánchez, puxo acento no feito de que o veto do Goberno de Rajoy estea baseado “nun cálculo deliberadamente falseado, porque asimila o valor do rescate cos ingresos por peaxes”, cando este cálculo debe ponderar dende o valor da conesión ata o lucro cesante. O Estado, apuntaba Sánchez, “asume un custo moi superior ao valor real” dun rescate que, por outra banda, evidencia, non sería inmediato en ningún caso. “Malamente pode vetarse polo goberno a tramitación dunha iniciativa por un motivo” que, en rigor, non existe, resumía.

David Lombao David Lombao  praza.gal

Categorías
Política

RELACIONADAS