Que hai detrás do escrache a Lores en Pontevedra?

O comité de empresa da fábrica de cloro Elnosa (CC OO) organizou un escrache perante a casa do alcalde de Pontevedra o pasado sábado.

O comité de empresa da fábrica de cloro Elnosa (CC OO) organizou un escrache perante a casa do alcalde de Pontevedra o pasado sábado. O alcalde reponse e afirma que non vai ceder ás presións, “moitos veciños e veciñas temos a mesma posición, queremos Elnosa fóra da ría. Defendemos a recuperación da ría que é o normal, e iso fai parte do noso compromiso político”.

“O mesmo tratamento que Ence”. Esa é reclamación da fábrica de cloro Elnosa instalada na ría de Pontevedra desde hai anos. A semana pasada, os integrantes do comité de empresa (CC.OO) anunciaban en rolda de prensa a súa propia axenda de mobilizacións en contra do goberno local. Tras varias concentracións ás portas do concello, no local nacional do BNG e mesmo nalgún mitin de campaña na cidade, a axenda de protestos ían un paso máis alá, propoñendo para o vindeiro sábado un escrache na casa de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da formación nacionalista.

As manifestacións e demais actos liderados por Comisións Obreiras sempre foron dirixidas contra a formación frontista. Non só co tema da permanencia do complexo Ence –Elnosa na ría, tamén contra a Vicepresidencia da Deputación Provincial gobernada polo BNG ao respecto do Parque de Maquinaria.

Elnosa, unha fábrica de produción cloro nunha área urbana.

Tanto no caso da cloreira como no da pasteira, a posición do BNG é ben coñecida. Desde o concello sempre se considerou especialmente alarmante o caso de Elnosa, pola súa localización nunha área urbana. Tras serlle concedidas varias prórrogas pola Xunta de Galiza sen térenlle solicitado os correspondentes informes urbanísticos á administración municipal, en novembro soaban as alarmas ante a posibilidade de serlle adxudicada máis unha renovación da autorización ambiental integrada, que podería significar a permanencia na ría dunha industria que supón un risco para a veciñanza da cidade.

Para esta autorización, a empresa precisaría facer algunhas obras que requiren licenza municipal. Ante esa posibilidade, a responsábel de disciplina urbanística, Carmen da Silva tense manifestado con claridade ao respecto e instado aXunta de Galiza a definir a súa posición, indicando que “non é posíbel a prórroga, ten que explicar quen cambiou a postura e por que o fixo, xa que a permanencia de Elnosa non está xustificada desde ningún punto de vista.”

Ante os intentos da administración galega e da propia fábrica de manter a súa actual ubicación, a concelleira lembraba a postura do goberno local. “Elnosa intentou tramitar un PERI (plano especial de reforma interior) e os informes técnicos do concello indicaron que non era admisíbel a trámite, polo tanto, a Xunta debe admitir a súa responsabilidade. Foi concedendo prórrogas de costas ao concello e agora debe decidir se quere a fabrica aí ou non. Se a quere, que conceda a renovación, e se se quere situar coa maioría de pontevedreses e pontevedresas, que non a conceda. Desde logo se a tramita o concello vai seguir estando na mesma posición. En fronte, e defendendo a cidade”, afirma Carmen da Silva.

A postura de Lores ante o escrache 

“A miña posición é coñecida por todas as persoas. Nós queremos a Elnosa e a Ence fóra da ría” , así comezaba a comparecencia do alcalde do BNG diante dos medios. Facía fincapé no desexo partillado por moitos dos veciños e veciñas de Pontevedra, Marín e Poio que queren recuperar a ría.

Resaltou que a defensa da recuperación da ría é o normal, e que ese obxectivo facía parte do compromiso político do Bloque e que este compromiso non ía mudar polas presións. “Fago o que dixen que ía facer. Houbo sempre movementos de todo tipo, e nós xa estamos acostumados e acostumadas: rebentaron plenos, fixeron pintadas, mandaron coroas de mortos, galiñas mortas á porta da casa…”

Sobre o concreto do escrache do sábado, o rexidor insistía na casualidade de que as protestas fosen sempre na mesma dirección e asumíao como consecuencia da responsabilidade de gobernar sen medo. “ Creo que teño que sufrir estes inconvenientes en nome dos veciños e veciñas, que manteñen un posicionamento coherente no tema. É a responsabilidade que me vai no cargo, e é un orgullo. Están apuntando contra o BNG e o grupo municipal do BNG no Concello porque sempre mantiveron unha posición coherente con este tema.”

sermosgaliza.gal

Categorías
Política

RELACIONADAS