Porcoril: chega aos montes da Galiza o animal que ‘creou’ George Clooney

Con todas as precaucións posibles, pódese afirmar que, de non ser por George Clooney, hoxe o porcoril non estaría vagando polos montes galegos e do resto da Península.
Captura de pantalla do gif da TVG

Moitos dos que coñecen este particular animal, xurdido do cruzamento entre o porco vietnamita e o xabaril, coinciden en sinalar que a popularización do porco Max, a célebre mascota do actor, provocou unha febre entre moita xente, que decidiu mercar un animal desta especie.

“Os porcos vietnamitas medran e crean problemas nas vivendas, e a xente abandónaos”

“Dende que saíu George Clooney con el na tele, a xente empezou a adoecer por el”, conta Francisco Couselo, presidente da Federación Galega de Caza na delegación de Pontevedra. Nesta provincia, arredor da capital e de Vigo, en montes de lugares como Salcedo, Figueirido ou Xebes, concéntrase a maioría dos porcoriles detectados por cazadores, sendeiristas e veciños. Os primeiros exemplares apareceron, segundo relata o responsable da Federación Galega de Caza, hai uns 4 anos na zona de Pontecaldelas.  “Ao principio é unha cría e vai todo de marabilla. Pero claro, medran e empezan a xerar problemas de todo tipo nas vivendas. A solución máis fácil é abandonalos”, explica Couselo, que lamenta que a xente non busque outras alternativas.

Que o porco vietnamita e o porco bravo se atoparan era cuestión de tempo. A abundante presenza destes últimos nalgunhas zonas de Galicia provocou que nun momento dado, comezaran a reproducirse entre si.

Os que o viron en acción sinalan que é bastante torpe e, segundo Couselo, tampouco é aproveitable para a caza. Luis Eusebio Fidalgo, profesor de Ciencias Clínicas Veterinarias do Campus de Lugo, conta por que é posible este estraño cruzamento: “Trátase de dous suídos, polo que é perfectamente a fecundación entre eles, do mesmo xeito que con outras razas porcinas. Este cruzamento, que en condicións de explotación gandeira intensiva (cos porcos en granxas) non se producen, si teñen lugar cando os porcos domésticos crían en liberdade e entran en contacto cos xabarís”. Un estudo publicado por Adolfo Delibes de Castro e Miguel Delibes Mateos, fillo e neto do lembrado escritor, confirmaron a existencia do cruzamento e alertaron do risco que supón para a preservación do xabarín.

(GIF animado creado pola Televisión de Galicia)

A mestura, non en tanto, tampouco destaca polo seu valor ecolóxico. “É como se mesturas unha vaca de leite e un touro de lidia: non vale nin para unha cousa nin para a outra”, di Francisco Couselo. O profesor Fidalgo afonda neste asunto: “Teñen características morfolóxicas que lembran a ambos, aínda que nalgúns casos é difícil diferencialos dos xabarís ou dos porcos vietnamitas”. Engade Fidalgo que “un perigo moi importante é a ‘contaminación xenética’ dos xabarís, o cal supón un perigo moi importante para  a especie”. A maiores, segundo o profesor da USC, “o porco vietnamita é unha especie alóctona, que non sabemos como vai influír no resto de especies do entorno, tanto animais como vexetais”.

A solución ao problema é complexa. Explica Francisco Couselo que “ao non ser un xabaril, non deixa de ser un animal doméstico, así que a lei non permite cazalo, e a multa pode superar os 6.000 euros”, polo que é difícil a súa erradicación. Como remedio, este cazador apunta a que “este tipo de mascotas tiñan que estar debidamente identificadas e localizadas, e facerlles un seguimento cando se venden”.

Non se pode cazar nin hai plans para controlalo

Polo de agora, nin o porco vietnamita nin o porcoril figuran no Catálogo de Especies Invasoras, e tampouco hai un plan para controlar a súa proliferación nin desde as consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente nin desde o Ministerio de Medio Ambiente. Mentres tanto, un novo ser avanza desconcertado polos montes galegos, impulsado pola inconsciencia de quen ve nos animais meros obxectos de divertimento para usar e tirar.

Gciencia.com

Categorías
Ecoloxía

RELACIONADAS