Política social non informa a valedora da situación no centro de menores en Vigo

espois de tres requerimentos sucesivos, a Consellaria de Politica Social "persiste na sua actitude de non enviar a información"....
"Hogar San José" Imaxe: Google Maps

Despois de tres requerimentos sucesivos, a Consellaria de Politica Social “persiste na sua actitude de non enviar a información”  relativa á situación do Centro de Acollida de Menores Hogar San José de las Hermanas de la Caridad de Vigo, comunica a EsCULcA a Valedora do Pobo. Non precisa se ela emprendeu por fin algunha das outras dilixencias solicitadas polo observatorio.

“Con base no establecido no artigo 22.1 da Lei do Valedor do Pobo”, Milagros María Otero Parga lembra á Consellaría a obrigación legal de remeter “no prazo de 15 días” a información requerida, advertíndolle que “a negativa ou neglixencia” no cumprimento deste deber poderá ser considerada como “hostil e entorpecedora das súas funcións”. Un comportamento ilegal que poderia ter como consecuencia que a Valedora dese a coñecer á opinión pública esa circunstancia e a destacase no seu relatorio anual ou, sendo o caso, nun relatorio especial dirixido ao Parlamento.

Con esta comunicación, a Valedora contesta -por segunda vez- a Queixa presentada por EsCULcA o 31/10/2016 -en que demandaba información sobre o actuado en relación aos graves feitos denunciados por menores residentes no Centro e reclamaba medidas urxentes que evitasen a repetición deses feitos- e o escrito de 12/12/2016 -en que EsCULcA, coñecedora de medidas de represalia tomadas contra menores que denunciaran a situación do Centro- reclamaba a adopción de máis medidas urxentes, sen prexuízo da necesaria investigación demorada dos feitos, que impedisen novas vulneracións de dereitos das persoas internas no Hogar de San José.

En concreto, o observatorio demandaba:

i) informaciõn das dilixencias adoptadas pola oficina do Valedor para investigar os feitos,
ii) se procedese a reclamar o informe solicitado á Consellaría de Política Social,
iii) se alargase a investigación aos novos feitos coñecidos a través de información xornalística e á actuación da Xunta e da inspección en todo o proceso,
iv) se mantivesen de inmediato entrevistas co/as menores afectado/as unha vez se proceda á súa identificación (que se realizará no prazo máximo de 48 horas a contar desde o rexistro do escrito).

Ignoramos se a Valedora do Pobo emprendeu algunha destas dilixencias pois nada menciona ao respecto nos seus escritos.
Ver aqui o escrito da Valedora.

Esculca

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS