Ourense en Común leva a pleno a recuperación da Ponte Codesal

A moción defende o valor etnográfico da ponte, trasladando unha demanda histórica da veciñanza do Polvorín. O monumento, actualmente en Beiro, atópase abandonado salvando un rego seco. Miguel Doval expoñía a moción esta mañá ás veciñas do barrio do Polvorín.

Ourense en Común rexistraba o xoves unha moción para a recuperación e traslado da coñecida como Ponte Codesal, orixinalmente emprazada no Polvorín, que actualmente está abandonada e en risco de deterioro no Regato do Porto, en Sta. Baia de Beiro.

Trasladando a demanda veciñal que OUeC xa recollera nas visitas aos barrios para conformar o seu programa electoral, o grupo someterá ao voto da corporación esta actuación, para devolver a ponte ao seu lugar de orixe, integrando o monumento novamente na paisaxe para a que foi deseñada, freando a súa degradación actual, e creando un espazo etnográfico de interese para a cidade na contorna do muíño restaurado polo propio consistorio municipal ao pé do maltratado Río Barbaña.

A ponte, enmarcada con toda probabilidade na Baixa Idade Media, comunicaba a cidade co camiño de Ourense a Celanova, no barrio do Polvorín, percorrendo o coñecido como Camiño Romano, antes da confluencia do Río Barbaña co regato de Pontón, Villaescusa ou dos Muiños (polos tres nomes é coñecido este regueiro que baixa de Barbadás).

Fóra de calquera lóxica técnica, “a ponte foi desmontada e montada [de novo] nun regato de Sta. Baia de Beiro”na década dos anos oitenta, tal e como afirma a historiadora ourensá Olga Gallego, no seu libro “A Cidade de Ourense”. Un traslado que daquela foi posible pola inexistencia dun marco xurídico de protección patrimonial, e que ata os nosos días mantén en risco o monumento.

No seu emprazamento actual, a ponte salva un rego seco a maior parte do ano, e está lonxe de calquera circuíto peonil, desmerecendo a infraestrutura, deseñada para permitir o paso dun grande número de persoas e carros. Conta disto pode observarse no seu deseño, con dous arcos e un robusto tallamar, que fixo fronte as virulentas crecidas do Río Barbaña como aquela do 14 de xullo de 1945 que si arrasaría outras pontes próximas como a chamada Ponte Pelamios.

Categorías
Política

RELACIONADAS