Os veciños de Nostián denuncian que o seu centro social sofre graves deficiencias en tellado e paredes

A Asociación de Veciños de Nostián asegura que desde fai algo máis dun ano reúnese nun local social de titularidade municipal cuxa estrutura resiste a duras penas. O colectivo denuncia que o edificio sofre graves filtracións que mesmo poderían facer perigoso o seu uso.
nostian

Os veciños do núcleo rural  da Coruña aseguran que o centro que empregan para reunirse e falar dos problemas da zona está nun estado lamentable e supón un verdadeiro “perigo” para o benestar dos residentes.

Por iso esixen que o Concello acometa obras de rehabilitación que amplíen a vida útil do inmoble.

Segundo contan, esta casa vella que foi restaurada hai uns anos e converteuse en local social foise deteriorando moito co paso do tempo e a falta dun mantemento por parte da Administración municipal.

Desde a agrupación denuncian que polo tellado cóase auga sen ningún tipo de control, un problema que tamén parece trasladarse ás propias paredes. En días como onte, nos que a choiva é intensa, as pingueiras convértense en ríos que baixan pola estrutura da edificación.

O efecto das precipitacións non é novo, como se pode observar a través das grandes marcas de humidade que tomaron toda a vivenda. “Parece unha cochiquera”, lamentan desde a asociación, e indican que hai un ano que advertiron do problema ao Consistorio.

ideal gallego

 

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS