“o traballo xa non garante unha vida decente” alerta a Confederación Europea de Sindicatos

A Confederación Europea de Sindicatos (CES) apunta que este é un dos motivos polo que cada vez máis votantes están a perder a súa fe na Unión Europea.

O secretario xeral da Confederación Europea de Sindicatos (CES), Luca Visentini, advertiu, tras coñecer os resultados da Enquisa Europea de Condicións de Traballo, que constata que máis dun terzo dos traballadores ten algunha ou gran dificultade para chegar a fin de mes, que “os traballadores europeos están a loitar para chegar a fin de mes”. “O traballo xa non garante unha vida decente. É de estrañar que cada vez máis votantes estean a perder a súa fe na Unión Europea e nos principais partidos políticos?”, apunta Visentini.

Entre as principais conclusións da citada enquisa, sinálase que “en xeral, as desigualdades e as diferenzas estruturais polo que incumbe ao xénero, a situación laboral e a ocupación seguen sendo significativas” e que o groso dos traballadores se concentra na escala inferior da distribución salarial, con só unha minoría na franxa superior”.

Para Visentini, “estes resultados só reforzan a determinación da CES de loitar por máis investimentos públicos para crear postos de traballo de calidade e por un aumento salarial dos traballadores europeos para facer fronte á pobreza e impulsar a recuperación económica para todos. As políticas económicas que dan lugar a que 1 de cada 3 traballadores loite por sobrevivir, están fundamentalmente equivocados e deben cambiarse radicalmente”.

“O cadro debuxado pola Enquisa Europea de Condicións de Traballo, de pobreza xeneralizada, na mellora das condicións de traballo, pon de relevo a necesidade dun enfoque integral para abordar a desigualdade en toda Europa”, apunta o secretario xeral do CES. Así mesmo, destaca que “as melloras nos mercados laborais e as condicións de traballo son mínimas e desiguais no mellor dos casos; o que é máis, están a ser aniquiladas pola espiral dos custos da vivenda e as políticas de austeridade que conducen á inseguridade dos traballadores e as súas familias”.

Por último, Visentini sinalou que “debemos asegurarnos de que este panorama sombrío non se agrave aínda máis polo número, cada vez maior, de empregos precarios e falsos empregos por conta propia, e polos cambios causados pola descarbonización e a dixitalización. Necesitamos unha transición xusta a empregos novos e de calidade”.

RP

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS