O PP premia cun soldo público de 49.000 euros á tránsfuga de C’s en Guadalaxara

Co devandito escano, Yolanda Ramírez puxo o Goberno da Deputación de Guadalaxara en mans do Partido Popular.
Albert Rivera xunto a Ramírez, deputada provincial en Guadalaxara

Yolanda Ramírez cobrará 49.000 euros anuais da Deputación de Guadalaxara grazas aos votos do Partido Popular. A que fose representante de Cidadáns, que dimitiu do partido este mes de xaneiro e na actualidade é parlamentaria non adscrita porque se negou a entregar a acta, ocupa un escano decisivo na devandita institución, o cal decantou o Goberno provincial en favor do PP, que está a un só deputado da maioría absoluta.

Ante esta polémica retribución, o PSOE anunciou emprenderá accións xudiciais ao cualificala como “ilegal”, opinión que tamén comparte o outro grupo da oposición, Agora Guadalaxara.

Precisamente, no último pleno da Deputación de Guadalaxara, celebrado o pasado venres, ambas as formacións opuxéronse a modificar a normativa para que os presidentes das comisións informativas perciban un salario, medida que finalmente foi aprobada polos doce representantes ‘populares’ e a propia Ramírez, abrindo así a porta ao substancioso salario que vai recibir a exdiputada de C’s, xa que preside a Comisión de Promoción Económica, Emprego e Benestar Social.

Segundo o equipo de Goberno do PP, a manobra está avalada por informes dos servizos técnicos da Deputación de Guadalaxara, polo que pediron “respecto á institución provincial, deixando á marxe da mesma as discrepancias no seo interno dos partidos”.

Mentres tanto, Ramírez defendeu a súa autonomía e negou ningún pacto co PP, así como que se produciu unha situación de transfuguismo. “O único que fixen é darme de baixa dun partido”, afirmou xusto antes de lamentar o “escarnio ao que a están sometendo”.

C’S ESTUDA MEDIDAS LEGAIS

Pola súa banda, o delegado territorial de Cidadáns en Castela-A Mancha, Alejandro Ruiz, anunciou que estuda medidas xudiciais contra Ramírez despois de que os representantes do PP facilitasen un soldo a esta deputada “tránsfuga”, ao considerar que se trata dun acto ilícito.

“Esta modificación será legal sempre que se vote en pleno, pero hai unha situación que se chama fraude de lei, que é alterar a realidade para vulnerar aquel fin polo cal esa norma foi creada”, explicou Ruiz tras cualificar a medida como “tomadora de pelo”, pois considera que “os deputados do PP retorceron a lexislación para beneficiar ao seu partido”.

Ademais de reclamar a Ramírez que devolva a acta, Ruiz denuncia que na Deputación de Guadalaxara “está a vulnerarse o pacto antitransfugismo que aprobaron PP e PSOE”.

SOSPEITAS DE PACTO

Así o desvelou Alejandro Ruiz aos xornalistas tras afirmar que “desde hai unhas semanas sabemos que se está fraguando este acordo, pois existiron conversacións entre Ana Guarinos ‑presidenta do PP na provincia do Guadalaxara‑ e Ramírez para asegurarlle un salario a esta persoa e que salga de Ciudadanos”.

De feito, fai un par de meses, segundo Ruiz, Ramírez preguntou aos servizos de Deputación se era posible cobrar como grupo non adscrito, o que na súa opinión evidencia que isto se estaba tramando desde hai tempo.

“A señora Ramírez ata que non tivo asegurado o seu salario non deu o paso de irse de Ciudadanos”, afirmou Ruiz que cre que a “ambición persoal” de Ramírez  foi a causante da súa baixa na formación laranxa.

 

Adrián López    periodicoclm.es

Traducido por Anxo Ramos para Irmandade

 

Categorías
Política

RELACIONADAS