O orzamento pactado por PP-CS-PSOE-Marea en Pontevedra baixo sospeita

Desde o goberno local falan dunha “moción de censura encuberta” e consideran que o “coherente” sería que as “forzas que se din de esquerdas, reflexionen” e acaben co “todos contra o BNG”
Concello de Pontevedra

Desde o goberno local falan dunha “moción de censura encuberta” e consideran que o “coherente” sería que as “forzas que se din de esquerdas, reflexionen” e acaben co “todos contra o BNG”. Fontes do executivo afirmaron a Sermos Galiza que Intervención recomenda non aprobar as contas coas emendas da oposición. “A oposición non pode impoñernos os seus orzamentos, se non queren deixarnos gobernar, que presenten unha moción de censura”, indican. Afirman que o documento emendado non está equilibrado, consigna ingresos que non se poden consignar e impide, aponta, que o Concello faga fronte a gastos sociais.

“A contradición téñena Marea e PSOE”, opinan fontes do executivo, que reprochan que se sumen a PP e Ciudadanos para “botar abaixo” un modelo de cidade como o de Pontevedra, recoñecido internacionalmente. Hai quen non dubida de que existe unha “estratexia” dos catro grupos da oposición, cuxos portavoces están a manter, din, reunións nestes días, no que enmarcan nunha manobra de “todos contra o BNG”.

O proxecto de contas do goberno local non puido saír adiante na comisión porque os grupos da oposición apoiáronse entre si á hora de aprobar as súas diferentes emendas. O debate deu como resultado un orzamento novo, modificado aquí e alá polas propostas dos distintos grupos. Fixérono en algún caso mesmo contra as alegacións dos técnicos municipais.

Lores anuncia que irá a unha moción de confianza se o 23D é rexeitado o seu orzamento

O alcalde de Pontevedra retirou da orde do día o “orzamento da oposición” e anunciou un pleno para o 23D que podería levar, unha semana despois, a unha moción de confianza. Esta sexta feira, irá ao Pleno o orzamento tal e como foi elaborado polo goberno local. Se a oposición teima en rexeitalo, Lores recorrerá a unha cuestión de confianza. Obriga así a oposición a apresentar un candidato alternativo. Se non o fai, o orzamento será aprobado de forma automática.

Categorías
Política

RELACIONADAS