“O independentismo galego sofre unha represión constante e brutal desde fai vinte anos”

A organización Causa Galiza emprendeu unha campaña para denunciar a suspensión da súa actividade por parte da Audiencia Nacional española. Irmandade reproduce a entrevista que concederon a Directa Antom Arias e Borxa Mejuto.
Antom Arias e Borxa Mejuto

O 30 de outubro de 2015 detiveron a militantes da organización independentista galega Causa Galiza na chamada operación Jaro. As detencións se levaron a cabo en diferentes lugares de Galiza cun gran despregamento armado da Garda Civil. Despois de tres días, durante os cales denunciaron presións psicolóxicas, os detidos pasaron a disposición da Audiencia Nacional española. O xuíz Eloy Velasco decretou a suspensión de actividades de Causa Galiza e os seus militantes foron postos en liberdade con cargos. Agora, a organización independentista está inmersa nunha campaña de solidariedade a nivel internacional que o trouxo a visitar diferentes movementos sociais e partidos políticos dos Países Cataláns. A Directa entrevista  a dous dos procesados, Borxa Mejuto e Antom Arias.

¿En que situación atópase agora mesmo a causa aberta contra Causa Galiza?

Borxa Mejuto: Agora mesmo estamos pendentes dun informe da Garda Civil dos nosos rexistros domiciliarios e do final da instrución por parte do xuíz Eloy Velasco. Organizativamente falando, Cauza Galiza ten as actividades suspensas até o 8 de abril, prorrogable. Os nosos avogados dan por sentado que haberá prórroga e traballamos neste sentido. Terase que celebrar unha vista, en que estaremos presentes e en que se decidirá, definitivamente se se prorroga a suspensión de actividades, que nós denunciamos como unha ilegalización de facto. Se deciden prorrogar, nós iremos ao Tribunal Constitucional a percorre a decisión, que entendemos como un atropelo á liberdade de expresión de todo un pobo.

Ante unha operación como a Jaro, con nove detencións e moita espectacularidade, é importante a resposta. ¿Como respondeu a sociedade galega?

“Un total de 80 colectivos que agrupan organizacións xuvenís, estudantís, ecoloxistas… asinaron un comunicado de apoio e en rexeitamento á nosa ilegalización”
Antom Arias: Causa Galiza é un partido minoritario, por tanto, non podemos esperar grandes masas, pero por mor das nosas detencións mobilizouse unha parte importante do nacionalismo galego. A CIG (Confederación Sindical Galega) foi o primeiro ao emitir un comunicado contra a nosa ilegalización, o BNG -tamén afectado pola operación- sumouse e as próximas semanas traerá este proceso represivo ao Parlamento galego. Un total de 80 colectivos que agrupan organizacións xuvenís, estudantís, ecoloxistas… asinaron un comunicado de apoio e en rexeitamento á nosa ilegalización. Ademais, centenares de persoas manifestáronse o 24 de xaneiro en defensa dos dereitos civís e políticos, unha mobilización convocada por máis de 30 axentes sociais galegos.

Estivestes de visita por Cataluña para dar a coñecer o caso. ¿Como foi a acollida?

B.M.: Moi boa, tanto ás charlas, onde houbo moito interese, como as reunións coa CUP e con ERC. A CUP, que xa coñecía o noso caso, aplicou a máxima da solidariedade como a tenrura dos pobos, e asinaron un manifesto internacional de apoio. Ademais comprometeuse a traelo ao Parlamento e nos concellos onde haxa ampla poboación galega. Por parte de Esquerra, non coñecían o noso caso e pedíronnos moita información. Tamén hai vontade de traer a ilegalización de Causa Galiza ao Parlamento.

¿Onde quere chegar a campaña internacionalista?

A. A.: Agora, o noso obxectivo é dar a coñecer a nosa situación aos cinco continentes e desmontar a farsa do Estado español. Neste sentido, hai pouco, o noso caso chegou ao Parlamento europeo mediante unha pregunta formulada por Bildu. Agora mesmo, tamén estamos a facer xestións porque chegue á ONU, onde queremos que sexan conscientes de que España ilegaliza un aparello político que actuaba de forma legal, e que quere borrar certos disparos históricos que están no ADN das galegas/os, como é a homenaxe aos mártires de Carral – a revolta histórica en Galiza o 1846, onde foron fusilados os militares sublevados contra o presidente Narváez. Cualifica esta acción de enaltecemento do terrorismo, converténdoa en material punible.

Traducido de A Directa por Anxo Ramos

 

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS