O ex-alcalde de Vimianzo Condenado por fraude e prevaricación no Concello

Alejandro Rodríguez gobernou Vimianzo durante máis de dúas décadas.
Alejandro Rodríguez - Imaxe: Independientes Por Vimianzo

Fíxoo baixo as siglas do PSdeG ata 2009, cando o seu achegamento ao PP derivou na súa expulsión do partido. Segundo a dirección do PSOE, chegara a pedir o voto para os conservadores e non para a súa propia formación. Sobre o controvertido ex-rexedor, que continuou a súa andaina un tempo coa nova formación Independientes por Vimianzo, pesaron durante anos diversas acusacións políticas e xudiciais que en 2014 cristalizaron nos tribunais cunha primeira condena por coaccións, pero ligada ao seu ámbito persoal. Hai poucos meses chegou outra, esta vinculada directamente á xestión no Concello. Nomeadamente, por fraude e prevaricación en contratos públicos.

O xulgado do penal número 5 da Coruña ditou o pasado xullo unha sentenza agora divulgada polo Concello vimiancés no que se detallan o que, segundo a xuíza, foron “ilícitos penais” de Rodríguez na adxudicación de obras na súa última etapa co bastón de mando. Segundo o ditame xudicial, as obras de “limpeza, pavimentación e acondicionado de pistas” realizadas en vésperas das eleccións municipais de 2011 por importe total de algo máis de 135.000 euros foron derivadas dun “fraccionamento artificioso de contratos menores” que o ex-alcalde outorgou “directa e verbalmente” a unha única empresa, “substraendo de forma consciente e voluntaria a adxudicación do procedemento legalmente establecido”.

O ex-alcalde, di a sentenza, adxudicou “a dedo” 135.000 euros en contratos “fraccionados artificiosamente” para reparar pistas e camiños antes das eleccións municipais de 2011

O antigo alcalde, sempre segundo a sentenza, obviou este límites e “nin fixo orzamento, nin aprobou gasto, nin o límite temporal establecido”. O único criterio, afirma a xuíza, era “rematar as obras antes das eleccións municipais”. Alejandro Rodríguez obviou a legalidade, afirma a sentenza, e fíxoo malia ás advertencias da intervención municipal, cuxo titular “formulou cinco reparos ante tal actuación, advertindo o alcalde do incumprimento patente do procedemento administrativo”. Todos eses reparos foron “erguidos” por Rodríguez.

Durante o procedemento xudicial o ex-alcalde negou sistematicament os feitos. “Manifestou -di a sentenza- que se trataba de obras pequenas que encargou de palabra” ao propietario da empresa, “dado que eran urxentes”, que puxo en marcha o “pertinente expediente” baseado “nuns informes previos”. Rodríguez declarou que “cría que se fixera algún orzamento e avaliado o custo” e, aínda que “a suma das vinte facturas” era dos devanditos 135.000 euros, polo tanto “superior aos 50.000 euros establecidos como límite da contía dun contrato menor” de obra, adxudicounas así porque estes traballos “fixéronse en varios tramos e ignoraba o seu coste antes de adxudicalas”. Así e todo, indica o ditame, “non acabou de responder con claridade á pregunta de se fixera o trámite de aprobación de gasto polo interventor“. En xeral, concluíu que “non sabía ou non lembraba” das advertencias de ilegalidade.

Rodríguez é condenado a un ano e medio de cadea e a oito de inhabilitación, o contratista é absolto por non existir probas directas de que “concertase” a operación co ex-rexedor

Malia ás explicacións do ex-alcalde a xuíza di ter claro que o que debera ter feito era sacar a concurso “unha obra maior”, xa que “cada obra carecía de identidade propia”, tratábase de traballos “separados por pouco tempo entre elas” e “gardaron entre si unha relación de lóxica sucesión por conceptos concidentes ou similares”, xa que o Concello vimiancés chegou a tramitar facturas “distintas para reparar a mesma estrada ou camiño” ou “pavimentar camiños na mesma parroquia, lugar ou barrio”. “A resolución adoptada -conclúe- causou un resultado materialmente inxusto“, xa que se tratou dun procedemento “a dedo, sen posibilidade de contrastar que a súa oferta fora a máis favorable para os intereses xerais, importando pouco (…) que o contratista cobrase uns prezos de mercado e baratos”.

Así as cousas, a xuíza dá por “acreditada” a “comisión dun delito de prevaricación” por parte de Alejandro Rodríguez e doutro “máis grave”, a fraude. A combinación de ambos implica unha condena dun ano e seis meses de cadea e inhabilitación especial para o exercicio de emprego ou cargo público por un tempo de 8 anos. Mentres, o propietario da empresa adxudicataria, tamén procesado na causa, fica absolto porque, di a sentenza, non existen probas directas de que “concertase” a súa operación co alcalde ou “colaborase” directamente para a comisión de delitos. Así, aplicando o principio “in dubio pro reo“, resalta, cómpre non aplicarlle condena ningunha.

David Lombao   – Praza.gal

Categorías
Política

RELACIONADAS