O duplo castigo de ter un hospital privatizado e inaccesíbel

Ás deficiencias provocadas polo modelo de xestión privatizada do hospital Álvaro Cunqueiro, engádese a carencia dunha suficiente conexión por autobús, o aparcamento de pago ou a ausencia de accesos peonís desde a contorna.
[Imaxe: Ernesto Ilkerman]

Unha situación que ten sido denunciada reiteradamente polas forzas políticas da oposición e por colectivos veciñais, mais sen obter resposta do Goberno municipal de Abel Caballero.

En xullo de 2015 o emblemático hospital Xeral de Vigo botaba o feche. O centro hospitalario de referencia, para unha poboación sanitaria de arredor de 600 mil persoas, pasaba a ser o novo hospital Álvaro Cunqueiro. O seu modelo de xestión privatizada, así como as significativas carencias materiais e de persoal, foron e seguen a ser albo de protesta, dando lugar a masivas manifestacións que foron ignoradas reiteradamente polo goberno galego. Para alén desa problemática, inda vixente, o traslado ao novo hospital ten provocado tamén un grave problema de accesibilidade. Mentres o hospital Xeral ficaba localizado en pleno centro da cidade olívica, a escasos metros da praza dos Cabalos, o HAC foi construído na periférica parroquia de Beade. Esa mudanza non tería provocado maior dificultade de se ter posto en marcha un plano de transporte que conectase axeitadamente o conxunto da cidade con esa infraestrutura esencial. Algo que non se fixo, e que fica sen facer.

Unicamente unha liña de bus conecta co HAC de segunda feira a domingo.

Desta maneira, a poboación da área sanitaria sur de Galiza padece as consecuencias de ter un “hospital privatizado e inaccesíbel”.  Un castigo duplo denunciado desde hai meses tanto polas forzas políticas da oposición no Concello, como por colectivos veciñais, poñendo o foco singularmente na precaria conexión por transporte colectivo urbano. Arestora, en Vigo operan catro liñas directas ao hospital, que no entanto non atenden suficientemente as necesidades de mobilidade.  Unha delas, a liña H, ten sido cualificada de “liña pantasma” por realizar apenas unha única viaxe desde o populoso barrio de Navia até o hospital ás 7:05h da mañá, de segunda a sexta feira. A H1, funciona tamén só nos días laborábeis, e conecta a zona centro, desde García Barbón co HAC atravesando a Praza de América, cunha frecuencia dun bus cada hora, tanto de ida como de regreso. A H2  é a liña que polo momento ofrece un maior servizo, conectando a estación de autobús e as proximidades do Calvario co centro hospitalario, percorrendo a praza dos Cabalos. Faino cada 30 minutos, entre as 7:37 e as 15:00h. A partir das 15h a frecuencia redúcese a un bus por hora, a mesma coa que opera en sábados, domingos e festivos.

Navia só ten un autobús por día en laborábeis, e Teis dous.

A estas liñas engadiuse o pasado 2 de maio unha nova, a H3, que conecta o barrio de Teis e a zona de Travesía de Vigo. Mais só con dúas viaxes por día, ás 7:45 e ás 11h, o que lle valeu ser tamén alcumada de “liña pantasma” canda a H. A súa posta en marcha foi forzada por unha intensa vaga de mobilizacións promovida pola Asociación Veciñal de Teis, que chegou a realizar seis manifestacións con numerosa asistencia e que entregou preto de catro mil sinaturas demandando unha liña directa que conectase esta parroquia operaria co HAC. O goberno local, en mans da maioría absoluta do PSOE de Abel Caballero, desouviu durante meses a demanda veciñal, descualificando as protestas. Mais o alcance das mesmas acabou por lle torcer o pulso ao alcalde, que o pasado 16 de febreiro se vía forzado a anunciar a posta en marcha do referido H3. Nestas tres semanas de funcionamento visouse que “existía unha forte demanda veciñal e que ademais é necesario mellorar substancialmente as frecuencias”. Así o valora Anxo Igrexas, secretario da AV de Teis, para quen a posta en marcha do H3 “demostrou que as liñas existentes non atenden as necesidades da veciñanza e que o servizo de autobús a nada menos que o hospital da cidade era moi deficiente”. Igrexas responsabiliza directamente o goberno municipal pola súa falla de planificación. “É incomprensíbel que se abra un novo hospital e o Concello non prevea como conectalo por bus”, sentencia.

Máis problemas

O deficiente servizo de bus non é o único problema para acceder ao HAC. O modelo de xestión privada, imposto polo goberno galego, provocou tamén que o aparcamento do hospital sexa privado e cunha tarifa moi elevada. Isto penaliza economicamente as persoas enfermas que se despracen en vehículo particular, pero tamén afecta ás familias que acoden a visitalas e ao propio persoal sanitario, para o que non hai suficientes prazas reservadas. O alcalde da cidade prometeu o 11 de setembro de 2015 que, “en cuestión de semanas”, o Concello habilitaría 500 prazas de aparcamento gratuíto en superficie, facendo uso de dúas parcelas de titularidade municipal nas proximidades do HAC. Unha promesa que non se traduciu, polo momento, en ningunha decisión e que non parece que se vaia materializar.

Aparcamento de pago e ausencia de accesos peonís complexizan o deslocamento até o hospital

Por outra parte, a falla de cooperación entre a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo, no marco do permanente enfrontamento mantido por Caballero co goberno galego, provoca tamén que a veciñanza residente nas inmediacións do hospital non poida acceder de maneira segura a el a pé, ao non existir accesos peonís.

Demandas

Esta situación acabou por concitar a demanda unánime das forzas políticas da oposición municipal para a mellora da conexión co novo hospital vigués. O grupo municipal da Marea de Vigo e o Partido Popular urxiron unha mellora substancial do servizo de autobús que se presta. Pola súa banda, o BNG puxo acima da mesa unha batería de medidas concretas que procuran “ofrecer unha conexión por bus en condicións dignas e dar resposta suficiente á demanda dos barrios e parroquias da cidade”.

A proposta do Bloque recolle basicamente seis medidas. A primeira consiste na creación dunha nova liña directa desde Navia-Coia. Demandan tamén a reformulación da liña H, para mellorar a conexión de Coia de abaixo,  Bouzas e Rúa Coruña, con frecuencias equivalentes ás das demais liñas. Apostan en aumentar as frecuencias en todas as liñas  para asegurar un mínimo dun bus cada 20 minutos no horario de maior demanda e cada 30 minutos no resto do día, fronte a actual frecuencia media dunha hora. Piden que todas as liñas operen en fin de semana e festivos cunha frecuencia mínima de 45 minutos. Por outra parte, defenden que a Praza de América e a Praza dos Cabalos funcionen como nodo de conexión, mellorando a frecuencia e a cadencia horaria doutras liñas para desta maneira permitir o transbordo nun tempo razoábel, o que melloraría a conexión de zonas como Lavadores, A Salgueira ou o ensanche de Gran Vía, entre outros. Finalmente, demandan estudar a mellora da conexión das parroquias do cinturón periurbano (rural) e o litoral co HAC, mesmo coa creación de novas lanzadeiras ou a posta en marcha dun circular.

Propostas e demandas que continúan a ser desatendidas polo goberno local, que se limitou a parabenizarse a si propio polo número de viaxeiros que rexistrou a recén creada liña H3.

XABIER P. IGREXAS

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS