O BNG demanda á Xunta 61 millóns de euros máis de investimentos na cidade de Vigo

As emendas parciais presentadas polo BNG aos orzamentos da Xunta concéntranse na promoción do emprego, a reindustrialización, a política social, a mellora da sanidade pública, infraestruturas e cultura.

O BNG presentou esta mañá en rolda de prensa as emendas parciais relativas a Vigo que formulan aos orzamentos da Xunta para o ano 2017. As emendas nacionalistas demandan ao goberno galego case 61 millóns de euros máis de investimentos para a cidade.

O responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, xustificou as emendas presentadas denunciando que as contas elaboradas polo executivo de Núñez Feijóo son absolutamente insuficientes e non atenden as necesidades da principal cidade de Galiza. As propostas do Bloque constitúen, por boca do deputado Luís Bará, “un orzamento alternativo que aposta nos sectores produtivos do país, para crear emprego e riqueza, en mellorar as nosas infraestruturas de transporte, na xustiza e cohesión social”

Bará debullou as emendas referidas a Vigo, salientando que estas “fan fincapé no emprego, na necesidade de dinamizar a economía e a reindustrialización da comarca con base en Vigo, e para iso apostamos na recuperación da actividade na construción naval que é un sector fundamental para a xeración de emprego, riqueza e benestar”. No concreto propoñe dedicar 2 millóns 800 mil euros á posta en marcha dun centro de reparacións navais na ríade Vigo. Para apuntalar o sector da automoción defenden a necesidade dun plan de dinamización industrial “destinado a impedir a deslocalización e aprecarización do sector”, que estaría dotado de 1 millón 400 mil euros.

No capítulo social, o BNG reclama un maior investimento na cidade para comezar a corrixir o histórico défice nesta materia. Para iso propoñen a construción dun novo centro de día (200 mil euros), o reforzo dos servizos comunitarios municipais (600 mil euros) e a construción dunha escola infantil nas Travesas (200 mil euros).

A mellora da infraestrutura e atención sanitarias centran o groso das demandas nacionalistas. Ao rescate do novo hospital de Vigo, para que este pase a ter unha xestión cento por cento pública, (41.936.087€), engaden o reclamo da posta en marcha dos anexos I e II do hospital Xeral par ausos sanitarios (4 millóns de euros), a construción dun novo centro de saúde na cidade (1 millón de euros) e a posta en marcha doutro especificamente en Bouzas (1 millón de euros), así como a creación de dous novos Puntos de Atención Continuada nas áreas de Navia-Coia e Teis, para desta maneira reforzar a atención primaria. Aliás, propoñen o acondicionamento da contorna do novo hospital (300 mil euros) e un estudo para avaliar usos alternativos dos centros de especialidades de Coia e Doblada, arestora sen funcionamento (200 mil euros).

No que se refire ás infraestruturas, reclaman que se dote unha partida de 1 millón 800 mil euros para o desenvolvemento da Cidade do Mar. “Un proxecto estratéxico que fica paralizado pola falla de cooperación entre Xunta e Concello”, criticou Bará. Ademais reiteran a demanda histórica de que se constrúa un tunel soterrado en Xulián Estévez (3 millóns de euros).

Por derradeiro, as emendas do BNG demandan un maior apoio por parte do goberno galego á oferta cultural na cidade olívica. A tal efecto, propoñen que a Xunta contribúa á Fundación Marco, ao Centro de Arte Fotográfica e ao Verbum con un total de 400 mil euros.
En total, as emendas supoñen un aumento de 60.836.087€ no investimento da Xunta en Vigo. Nese sentido, Luís Bará agarda que o Partido Popular, que conta con maioría absoluta no Parlamento galego, acepte estas emendas durante a tramitación dos orzamentos xa que, na súa opinión, “melloraría moito os presupostos presentados atendendo debidamente as necesidades de Vigo e a súa comarca”.

Categorías
Política

RELACIONADAS