Non Merques en Domingos nin Festivos

Este domingo 18 de decembro a militancia de Galiza Nova en Compostela estivo concentrada perante a porta do Centro Comercial As Cancelas para visibilizar a situación de empeoramento das condicións...
Acción ante o Centro Comercal As Cancelas

Este domingo 18 de decembro a militancia de Galiza Nova en Compostela estivo concentrada perante a porta do Centro Comercial As Cancelas para visibilizar a situación de empeoramento das condicións laborais na mocidade incluíndo a apertura destas grandes superficies en domingos e festivos con fins estritamente consumistas para as empresas, moitas veces facendo horas extra non pagadas, unha situación que é patente hoxe na mocidade galega que ten que aceptar as condicións laborais unilateralmente para manter o seu posto de traballo. Por todo isto, desde Galiza Nova reivindicamos unhas condicións laborais dignas e non consumir en días de descanso das traballadoras.

“Agora que se achegan datas festivas con motivo do cambio de ano e as celebracións que arrodean o Nadal, en Galiza Nova vemos necesario lembrar que, coas festas e o incremento do consumismo que traen consigo, tamén asistimos a unha dobre precarización do traballo.

Ao feito de que na Galiza baixaron as contratacións e que a maioría dos contratos á mocidade son de carácter temporal, engádese que nestas datas moitas mozas e mozos son contratados para traballar no comercio só por días ou por horas, coincidindo coas datas do Nadal e as posteriores rebaixas. Non debemos esquecer que estas horas están peor pagadas, e ademais supoñen un empeoramento das condicións laborais e unha negación dos dereitos das traballadoras e traballadores, con horarios que non permiten o desenvolvemento dunha vida digna. Esta situación agrávase especialmente entre a mocidade, que se ve obrigada a aceptar este tipo de empregos dado que frecuentemente é o único tipo de ingreso económico ao que poden acceder.

Ademais disto, lembremos que nestas datas é moi habitual que nos comercios – nomeadamente nas grandes superficies – se obrigue ás empregadas a traballaren tamén domingos e festivos, así como a faceren horas extra que non sempre son pagadas como corresponde.
En Galiza Nova denunciamos esta situación de dobre precarización do traballo, do mesmo xeito que defendemos que non se consuma en domingos e festivos, xa que isto contribúe a que as mozas e mozos que traballan nestas grandes superficies sigan padecendo este empeoramento das condicións laborais. Queremos que na Galiza teñamos postos de traballo que sexan dignos, estábeis, con dereitos xustamente remunerados e que permitan que a mocidade galega poida ser independente economicamente e teña futro na terra.”

Por un emprego digno, non compres en domingos e festivos!

Galiza Nova

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS