Nin AP-9 nin AVE: Feijóo imcumple as promesas feitas en campaña

O presidente galego e o novo ministro de Fomento substitúen a transferencia da AP-9 prometida polo PPdeG por unha comisión para supervisar a autoestrada
Ampliación da AP-9 na ponte de Rande. Imaxe: Roberto Solano

De La Serna admite que a finalización da liña alta velocidade en 2018 é imposible e asegura “non estar en condicións” de “trasladar un prazo concreto”

Do bloqueo ao conxelador. O pasado outubro o Goberno de Mariano Rajoy, aínda en funcións, comezou a manobrar no Congreso dos Deputados para, baseándose nun cálculo erróneo, bloquear a transferencia da Autoestrada do Atlántico que o Parlamento de Galicia solicitara por unanimidade en marzo. Apenas dous meses e moitas declaracións despois o presidente da Xunta e o novo ministro de Fomento, Íñigo De La Serna, acaban de escenificar a renuncia práctica a ese traspaso ou, a o menos, o seu adiamento indefinido, e na mesma reunión certificaron que a AVE non chegará a Galicia en 2018. Quedan así desbaratadas nun só encontro dous das promesas estrela da última capaña electoral de Feijóo

En comparecencia conxunta tras o seu primeiro encontro institucional De La Serna e Feijóo detallaron que o cambio de titularidade da AP-9 do Goberno español ao galego pasa a ser substituído por unha comisión que, desde xaneiro, supervisará “conxuntamente” as “decisións” sobre a principal vía de comunicación terrestre de Galicia, un anuncio que o presidente da Xunta eleva á categoría de “acordo histórico”. O ministro, di o xefe do Goberno galego, “é perfectamente consciente” de que “hai unha unanimidade política en Galicia en relación co traspaso”. Feijóo desliga, no entanto, esa reclamación do ámbito do autogoberno para asegurar que a demanda “obedece a uns problemas de xestión” que, con esta nova “comisión bilateral para compartir todas as decisións de xestión”, quedarán solucionados.

 Nun sentido semellante, o novo ministro asegurou que “a causa da petición desa transferencia” non é máis que “poder xestionar” a autoestrada “dunha forma distinta”. A Xunta “entende que a xestión é mellorable e eu compártoo”, di De LaSerna, “hai cuestións que podemos mellorar e debemos facelo xuntos” e “desde a lealdade institucional”. Deste xeito, esa “comisión bilateral da AP-9” servirá para “compartir aspectos da xestión” e “coordinarnos sobre o que haxa que facer e o que non haxa que facer”. As competencias, en calquera caso, seguirán onde están, no Goberno de España.

 

Menciones al traspaso de la AP-9 y a la llegada del AVE en el programa electoral de Feijóo

Mencións ao traspaso da AP-9 e á chegada da AVE no programa electoral de Feijóo

Entre as primeiras cuestións que abordará esa nova comisión -que se superpondrá á comisión bilateral Galicia-Estado, xa existente- estará a que parece única decisión con resultado práctico para o futuro inmediato da autoestrada. O Ministerio de Fomento, titular da vía, será quen pague integramente desde 2017 as bonificacións de peaxes de Rande e de A Barcala, ás que, lembra Feijóo, a Xunta viña achegando uns 6 millóns de euros cada ano. Ademais, a primeira reunión servirá para avaliar o estado das obras de ampliación que actualmente están en marcha.

¿E a reclamación das competencias, onde queda? “Seguiremos expondo a transferencia da autoestrada e o Ministerio, no contexto da política nacional, seguirá valorando esa proposta”, di Feijóo, quen aplaude que a recorrente demanda “desemboque” nunha “comisión bilateral permanente”.

A imposible chegada da AVE en 2018

Máis aló da autoestrada a primeira reunión de Feijóo e De La Serna serviu tamén para certificar o que xa era unha certeza técnica desde hai tempo: a liña de alta velocidade ferroviaria entre Galicia e Madrid non estará finalizada en 2018. “Eu quero ser realista e trasladarlles o que realmente hai”, di o ministro. E “o que hai” son “dificultades de execución” e “problemas administrativos” en varios dos tramos pendentes, concretamente nos 18 quilómetros anteriores á vila ourensá de Taboadela, a partir da que falta aínda outro treito duns 17 quilómetros, até Ourense, nos que aínda non se moveu unha soa pedra. No caso destes segundo tramos ambas as Administraciónes xa asumen a articulación dunha solución provisional.

Fronte ás certezas ofrecidas nas campañas electorais das dous xerais do pasado ano e mesmo na das galegas do pasado setembro, De La Serna trae consigo un discurso ben distinto. “Non estou en condicións, sendo realistas e prudentes, de trasladar un prazo concreto”. Será “no primeiro trimestre” do próximo ano cando Fomento, di, poida ofrecer “unha idea máis aproximada”. Feijóo, pola súa banda, “agradece o realismo” do ministro, a quen aplaude que asuma “as prioridades” marcadas por Rajoy. Para o titular da Xunta a causa de que o prazo de 2018, incluído no seu programa electoral do 25S, non poida ser cumprido, é consecuencia do “bloqueo institucional” que impediu a formación do novo Goberno de España durante un ano.

Categorías
Política

RELACIONADAS