Marcha reivindicativa até O Ézaro pola defensa de Ferroatlántica

Traballadores e veciñanza marcharon desde a Factoría de Brens até a fervenza para rexeitar a venda das centrais que pretende o ex-ministro. 'O río é noso, non de Villar-Mir', o lema. O cadro de persoal non descarta convocar unha greve.
Concentración en Ézaro

Centos de persoas tomaron parte na marcha convocada polo Comité de empresa de Ferroatlántica e percorreron a pé os 8 quilómetros que separan a factoría de Brens da fervenza do Ézaro para rexeitar así a intención da empresa de se desfacer das centrais eléctricas. Unha operación, como denuncian os traballadores, que suporía a fin da factoría e dos seus 400 empregos directos e un duro golpe para a comarca da Costa da Morte.

Tras unha faixa co lema ‘O río é noso e non de Villar-Mir’, por volta de 500 persoas marcharon para dicir non á venda dunhas centrais que son concesións e que fan parte dunha única unidade produtiva coa factoría de Ferroatlántica. “Non se poden desagregar”, como insisten sindicatos e traballadores. De aí a insistencia á Xunta para que, ao igualq ue fixera o goberno galeno a comezos dos 90, se negue a permitir calquera segregación e venda.

Na andaina tomaron parte traballadores e veciños da comarca, así como alcaldes da comarca (Carnota, Dumbría ou Laxe) e representantes sindicais e de diferentes forzas políticas, como o deputado nacionalista Xosé L. Rivas ‘Mini‘ ou a socialista Dolores Toja.

Mobilizacións

A marcha non é a única mobilización que impulsa o comité de empresa. Para as sextas feiras 16, 23 e 30 deste mes chama a participar nas concentracións que se realizarán, ás 18:30 horas, diante da factoría. Non se descarta convocar unha greve no caso de que a empresa presente o preacordo de venda das centrais na Xunta de Galiza.

X.M.P  Sermos Galiza

Imaxes:

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS