“Malia que o escenario sexa hostil o potencial está e novas expresións as haberá”

O vindeiro 17 de xaneiro Diego Lores, activista significado da Asemblea Aberta de Coia, vai ser xulgado por un suposto delito de agresión a un policía municipal, cando un dos tantos despexos da oposición veciñal acabou cun dos axentes por terra. A acusación privada pide unha pena de 3 anos de prisión e 30000 € en concepto de responsabilidade civil, sen outro argumento que a impunidade que outorga o seu único testemuño.

Está na natureza da rotonda facilitar a fluidez do tránsito rodado en determinadas interseccións sen necesidade de semáforos, ao tempo que moderar a velocidade. Con todo, en ocasións excepcionais unha rotonda pode ser, tamén, un lugar acaído para que un mundo de xentes se atopen arredor dunha causa común. Acaso a razón habería que procurala na megalomanía efermiza do alcalde de Vigo, nas súas maneiras despóticas ou nunha xestión da cousa pública escasamente democrática. Pero sobre todo, habería que procurala na instalación do antigo arrastreiro Bernardo Alfageme no lugar de O Chamorro, agora un espazoso cruzamento de camiños no populoso barrio de Coia.

Como e por que xorde a iniciativa veciñal de plantar cara á instalación do Bernardo Alfageme na rotonda de Coia?

Moitas das que participamos na loita na rotonda viñamos traballando nos últimos anos noutros espazos: Oficina de Dereitos Sociais de Coia e parroquia do Cristo da Vitoria; a nivel estatal na coordinación Baladre. Neses espazos viñamos loitando polo dereito a vivir dignamente para todas. En Coia, como en tantos espazos das periferias, o desemprego, a precariedade… en definitiva, a insuficiencia de recursos para vivir cuns mínimos era (e segue a ser) demasiado habitual. Por iso algunhas decidimos organizarnos e procurar respostas colectivas neses espazos. Que non eran máis que novas expresións de loitas que en Coia se viñeron facendo dende o nacemento do barrio.

Durante meses moitas veciñas non atopábamos respostas nas dependencias dos servizos sociais, da Xunta e do Concello. Malia que Vigo, en verbas do alcalde, ten a mellor política social a realidade que sufriamos era que as profesionais nos dicían: ”non hai cartos”, “non cumpres requisitos”, “tes que agardar 8 ou 9 meses pola RISGA”… No mellor dos casos conseguiamos faragullas a cambio de control e de aceptar respostas individuais que lonxe de mellorar as nosas vidas afondábannos máis na miseria ou precariedade.

E nestas, en xullo de 2014 o Faro de Vigo anuncia que na rotonda de Castelao o concello quere gastar centos de miles de euros en chantar o Bernardo Alfageme. Comentámolo nunha asemblea da ODS-Coia e dicimos que como o fagan teremos que evitalo. E así en novembro de 2014 comezan as obras na rotonda. Varias persoas deses ambientes falamos e o día 3 de decembro celébrase unha asemblea nos locais da parroquia na que aparece moitísima xente (e moi diversa) e ao día seguinte entramos na rotonda e paramos os traballos.

Unha idea moi estendida na actualidade pasa por afirmar que para poñer en valor unha cidade o urbanismo debe tender a crear unha marca propia. Acontece isto en Vigo? É a homenaxe “Á xente do mar” un adianto de futuras intervencións urbanas de carácter máis aparentes que reais en Coia?

Vigo está a mudar moi rápido, a “cidade fermosa” faise ás presas. A cidade semella ser un escenario idóneo para os avances do modelo capitalista. En materia de emprego Vigo sufriu nestes anos a perda de cantidade e tamén de calidade do emprego. Citroën ou Barreras exemplifican con moita claridade esta tendencia. Noutro lado está o avance dun modelo de cidade cartón pedra feita para o consumo no que as que a afean ou non consumen sobran.

Falando da actuación municipal na rotonda. A rotonda ten moitos elementos deste novo tempo: actuacións espectaculares, megalómanas e baleiras de contido; opacidade na contratación das obras: non sabemos canto custaron, opacidade na asignación de cartos de todas a unha construtora que mudou de nome tras problemas económicos… e perda de democracia: actuación que se fai sen contar con ninguén e sen responder ás necesidades da xente.

Estando na rotonda achegouse unha muller cunhas fotos na man. Eran imaxes do Bernardo Alfageme. Nel estiveran embarcados o seu marido e outro familiar. Un deles morrera nese barco. Entre lágrimas falaba das durísimas condicións de traballo que sufriran os mariñeiros e da dor que lle provocaba ter diante o barco.

Nun momento en que os movementos sociais da cidade están na práctica desaparecidos, a Asemblea Aberta de Coia aparece como un referente de mobilización. A que cres que se debe?

Mellor que referente, como experiencia. Penso que temos déficit de prácticas concretas e tanxibles. Estamos moi acostumadas a debater, a darlle a “Gústame” e a “rechouchiar”, pero apenas temos espazos nos que poñamos en común dende o cotiá: emocións, corpos, propostas concretas…

O chulo da rotonda penso que foi isto: vivir eses meses nunha rotonda liberada pola xente que se decatou de que xuntas e facendo cousas sinxelas ao alcance de calqueira, estabamos a cuestionar o modelo de cidade que deixaba nas marxes a cada días máis persoas.

Tamén destacamos acotío a diversidade da xente que participamos nesta loita: xubiladas, rapazada, meniñas, cristiáns, anarquistas… Foi emocionante ollar na rotonda a familias completas, vivir como as nosas crianzas reclamaban a rotonda como o mellor espazo de xogo, ter a foto de Berta co seu carriño da compra rachando un cordón policial…

Como se vive en primeira persoa o acoso tanto político como represivo ao que estás sometido?

No meu caso, agradezo poder vivirmos este proceso de xeito tan partillado e estar sostidos por tantas persoas e colectivos.

Complicado foi facernos cargo de que isto nos estaba a pasar a nós. Primeiro foi Xurxo e logo eu. O medo apareceu e modificou a nosa loita, pero co tempo pensamos que xa de estarmos metidos no lio poderiamos aproveitar para falar das nosas arelas e de como darlles máis espazos dentro da mala vida que se nos ofrece como única. E nesas andamos.

Está claro que isto rouba enerxía e que as veces é complicado, sobre todo polos ritmos e a andamiaxe da xustiza, pero nunca podemos dicir na nosa casa que faltaran apoios para seguir co que resta.

En que situación se atopan aquelas persoas que dunha ou doutra maneira sufriron algún tipo de violencia (sancións administrativas, multas, xuízos…) por parte da Policía Municipal?

A represión foi en aumento e de diverso tipo: identificacións, multas por tocar a buguina ou por sacar os coches con megafonía para anunciar as manifestacións, o xuízo a Xurxo é máis o que agardo.

A maiores disto padecemos a un grupo, entendemos que minoritario dentro da policía local, que se dedicou a acosar a compañeiros meses despois de rematar as mobilizacións.

A dureza das respostas que viñan dende arriba (do goberno de Abel Caballero) opuxemos o apoio mutuo e os coidados. Dende actividades para recadar cartos cos que pagar as multas a innumerables xestos de apoio de xente moi próxima e tamén de moi lonxe: Ecuador, Canarias, Catalunya, Euskadi, Andalucía…

Danse as condicións necesarias para o retorno da protesta social ou pola contra o incremento de medidas securitarias (normativa municipal, ordenanza cívica, lei mordaza…) desbotan tal posibilidade?

Si, claro. Malia que o escenario sexa hostil o potencial está e novas expresións as haberá.

O reto é seguir creando espazos, prácticas e discursos alternativos que sexan quen de amosar que no medio da barbarie podemos crear vida co afán de facela medrar. Nun horizonte de colapso todo o que poidamos ter avanzado mellor.

Ten a solidariedade unha dimensión real máis aló da retórica habitual?

Si. Nomes como Esther, Mochi, Manolo, Javier, Bea, Juan, María, Leti…e moitos máis encarnan, neste caso, a solidariedade.

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS