Luís Villares: “O Orzamento para 2017 é propaganda e recupera a senda de austeridade de Feijóo tras o ciclo electoral”

Para o portavoz de En Marea os Orzamentos para 2017  recuperan a senda das políticas de austeridade de Feijóo que fixeron que a recesión en Galicia durase máis tempo

Para Luís Villares os Orzamentos para 2017 demostran tamén a “falsidade do discurso do Goberno, pois non foron os recortes nin a devaluación salarial o que explica as taxas positivas do PIB” e veñen a demostrar que a política orzamentaria de 2015 e 2016 só respondía ao ciclo electoral.

Os Orzamentos, presentados no Parlamento de Galicia tan só media hora antes de que dese comezo a Xunta de Portavoces, recollen un teito de gasto de 259 millóns de euros, unha cifra que para Luís Villares non é real “pois hai que restar a partida destinada á paga extra dos funcionarios, que foi indebidamente detraída no seu momento, e está distorsionada pola previsión de inflación do 1,5%, o que fai que o gasto público de carácter real sexa moito menor”.

Polo tanto o Orzamento do 2017 redúcese en termos reais, o cal explica na nosa opinión o forte retroceso na cifra de crecemento prevista. Isto dá lugar a unha situacion de perda progresiva de gasto público no conxunto da economía galega, cunha redución de 5 puntos no PIB entre 2009 e 2017. E isto tradúcese nun deterioro dos servizos públicos, nas prestacións sociais, na modernización da economía, nos sectores produtivos e nas infraestruturas. Hai unha redución de gasto para todo o que supón a dinanmización económica do país.

A proposta de En Marea

En Marea considera que outros orzamentos son posibles. “Nós defendemos un incremento do teito de gasto en 750 millóns de euros, necesario para financiar unha serie de programas e propostas de urxencia, que sirvan par combater as desfeitas provocadas pola gran recesión e a xestión liberal da mesma”, sinalou o voceiro Luís Villares.

En concreto, En Marea propón dedicar os 750 millóns de novos recursos a empezar a desenvolver unha renda social contra a pobreza extrema (provocada en boa medida polo deterioro nos sistema de protección as persoas desempregadas) un programa contra a pobreza enerxética e unha acción decidida contra os desafiuzamentos. Dotar dos recursos necesarios para levar a diante unha ambiciosa política de emprego que permita recuperar o peso perdido na población ocupada española desde o ano 2009, recuperar o nivel de axudas á dependencia, a gratuidade dos libros de texto e comezar o camiño para volver aos niveis de emprego perdidos na sanidade, na educación e nas políticas sociais.

Pero ademais é posible, porque se pode financiar cun recremento dos ingresos que ten vir dunha axeitada estimación dos anticipos a conta sistema do financiamento, dun reparto proporcional do obxectivo de déficit, da loita decidida contra a fraude fiscal e un cambio fiscal que aumente a aportación das rendas máis altas e recupere a capacidade recaudatoria das figuras tributarias que gravan a riqueza. Medidas que deberían ir acompañadas por unha redución dos gastos vinculados o servizo da débeda, tanto a bancaria como a derivada dos contratos publico/privados.

Iniciativas de En Marea

En Marea tamén trasladou á Xunta de Voceiros as iniciativas que levará ao Pleno dos vindeiros 13 e 14 de decembro, entre as que destaca unha proposición non de lei sobre a transferencia da AP9 e a petición dun modelo único para comedores escolares, que reverta a privatización deste servizo básico e garanta a calidade da alimentación dos nenos e nenas.

A pregunta ao presidente versará sobre Pemex e o abandono do proxecto do porto exterior da Coruña. Ademais, as preguntas ao Goberno de En Marea centraranse na pobreza enerxética, o Centro de Xestión Ambiental de Lousame e as cifras de ocupación laboral entre menores de 35 anos.

As mocións versarán sobre as política de vivenda para garantir o acceso ás persoas desafiuzadas e sobre medidas en materia de pobreza e exclusión social.

A Xunta de Voceiros tamén aprobou a creación da comisión de investigación das Caixas de Aforros.

 

Categorías
Política

RELACIONADAS