Isto é o que se gastan as cidades galegas no alumeado do Nadal

Vigo, con case 400.000, é a cidade galega que máis gastou neste 2016 en decoracións de nadal, superando á A Coruña, que quedou en 335.000, en conxunto a suma das sete cidades roza o millón de euros.
O nadal na Praza de María Pita, na Coruña / Pablo Tuñas / CC BY-NC-ND

O alumeado de nadal é un tema que, case de forma inevitable, dá pé a polémicas todos os anos: nalgúns casos porque parece excesivo (sobre todo os gastos que xera), noutros porque hai quen pensa que a decoración é escasa ou non chega a todas as zonas dunha cidade, e noutros as apreciacións son meramente estéticas, en función dos motivos e elementos escollidos. Este 2016 non foi unha excepción e sobre todo o PP (e algún medio de comunicación) está a cargar con dureza sobre as iluminacións instaladas nalgunhas cidades, coma A Coruña ou Compostela.

O nadal na Porta do Sol de Vigo /CC BY /Jorge CG

Analizando unicamente o gasto realizado, o único que pode ser comparado obxectivamente, atopamos grandes diferenzas entre os investimentos realizados nuns e noutros lugares, e tamén -nalgún caso- importantes variacións entre o desembolsado neste exercicio e o realizado anos atrás. Vigo, con case 400.000, é a cidade galega que máis gastou neste 2016 en decoracións de nadal, superando á A Coruña, que quedou en 335.000. A cidade herculina incrementou, iso si, a partida que dedicara o pasado ano (242.000). As cifras, en todo caso, quedan moi lonxe dos niveis nos que A Coruña se movía durante os gobernos de Carlos Negreira, que nos últimos anos gastaba 560.000 euros cada nadal nos distintos elementos decorativos destas datas.

As outras cinco cidades galegas presentan cifras máis baixas, pero en conxunto a suma das sete cidades roza o millón de euros. Ourense sería a terceira, con 84.700 euros, unha cifra en aumento con respecto á que manexaba en anos anteriores (entre 50 e 80 mil). Ferrol sería a cuarta, con 61.891 euros, superando a Compostela (45.375 euros), Pontevedra (ao redor de 40 mil euros) e Lugo (41.575 euros). Algúns destes gastos compártense entre os concellos e as asociacións de comerciantes e, en ocasións, contrátase de forma conxunta coas iluminacións doutras festas que se celebran ao longo do ano. Nestes casos, apenas hai variación con respecto aos anos anteriores: por exemplo, Compostela gastou 48.339 euros en 2013.

Iluminación de nadal en Compostela CC BY-SA Norte

Chama a atención que fóra das sete urbes algunhas vilas importantes mesmo superan o gasto dedicado a iluminación de nadal. É o caso, por exemplo, de Narón, que destina 45.000 euros a esta partida, aos que se poden sumar outros 15.000 dedicados á instalación dun poboado de nadal. Tamén Vilagarcía de Arousa, con 44.469 euros gastados en luces, supera as cifras dalgunha das cidades principais. Como referencia, outras vilas como Ribadeo ou Viveiro presentan orzamentos máis reducidos (11.500 e 12.000 euros).

O PP critica con dureza os alumeados de Compostela e A Coruña

O Partido Popular non desaproveitou a ocasión de utilizar como arma política a iluminación de nadal colocada en cidades gobernadas pola Marea, como A Coruña e Santiago. Na Coruña a súa voceira, Rosa Gallego, criticou a falta de alumeado nalgúns barrios afastados do centro. Pero sobre todo os populares cargaron contra algúns dos elementos decorativos colocados na Cidade Vella (un polo asado) e mesmo tiveron tempo de idear algúns memes, que difundiron polas súas redes.

Porén, foi en Compostela onde os populares elevaron máis o ton, ata o punto de que o seu voceiro municipal, Agustín Hernández acusou o Goberno municipal de “roubarlle o nadal a cidade”. Hernández repetía así o argumento que días atrás xa se puidera ler nun editorial publicado por El Correo Gallego, titulado directamente El alcalde 2.0 nos quiere robar la Navidad, no que o xornal comparaba a Martiño Noriega co Grinch e mesmo con Kim Jong-un. O voceiro popular non chegaba a tanto, pero si chamou “inútil” a Noriega, que lle retrucou que “nin son o Grinch nin son tan divertido coma os bailes de Conde Roa coas mamás noel no Obradoiro” (en referencia ao famoso vídeo do ex rexedor), engandindo que el nunca chegará ao nivel de Conde Roa, que tivo que dimitir aos 10 meses de ocupar a alcaldía por un caso de fraude fiscal.

praza.gal

Categorías
Política

RELACIONADAS