Irmandade, palabra do ano 2016

É a apalabra escollida entre as seis finalistas na iniciativa impulsada polo ‘Portal das Palabras’. Porcoril, foi a segunda máis votada e alburgada, a terceira.
Fotomontaxe con nenos e nenas do IES do Carballiño e fotografía histórica membros das Irmandades no Día da Patria de 1930 en Vigo

E a palabra do ano 2016 é… Irmandade! Esta foi a gañadora nas votacións que decorreron entre o 15 e 22 de decembro para elixir a verba que cada quen entendese que mellor representaba o ano que vai finalizar. Seis palabras chegaron á fase final. Para alén de irmandade estaban xenofobia, eleccións, populismo, porcoril (o sorprendente cruzamento de porco e xabaril) a alburgada (unha mentira que se disfraza de verdade). Irmandade obtivo 623 votos. Porcoril foi a segunda máis votada (481 votos)  e alburgada a terceira, con 372. No 2015 a palabra gañadora foi refuxiados e na edición de 2014, corrupción.

Como lembran desde o ‘Portal das Palabras’, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, 2016 foi o Ano das Irmandades da Fala, coincidindo co centenario da súa fundación. “Coñecendo o sentido que impulsou a súa actividade e mais a súa maneira de facer, non queda dúbida de que irmandade é a mellor palabra que puideron escoller para se presentar á historia. Os seus membros tratábanse entre deles de irmáns, e con ese apelativo figuraban nos seus carnés, a xeito de contestación simbólica contra a oficialidade establecida”.

“Irmandade  comeza a aparecer arredor do segundo decenio do século XV, en documentos notariais, principalmente como unidade administrativa, como federación de municipios. E posteriormente arredor desa idea básica de ‘unión’ ou ‘relación estreita’ xurdirán novas acepcións, relativas xa á “asociación de persoas que teñen os mesmo ideais, a mesma crenza en determinada materia”, que é o valor con que a recuperan os membros das Irmandades da Fala”.

A.V.   Sermos Galiza

Categorías
Cultura

RELACIONADAS