Inditex eludiu 585 millóns en impostos coas súas filiais estranxeiras segundo os Verdes-ALE

Case 600 millóns de euros entre 2011 e 2014. É o que, segundo o grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea na Eurocámara, Inditex deixou de pagar en impostos grazas á súa complexa estrutura de filiais internacionais.

Coa intención de realizar un “chamado” a prol da harmonización fiscal en toda a Unión europea e pola “transparencia fiscal das grandes empresas”, este grupo político -no que se integran formacións como o BNG ou ICV- vén de presentar no Parlamento Europeo un informe no que, nunha trintena de páxinas, debulla as, ao seu xuízo, “agresivas técnicas fiscais” que permiten á multinacional con sede en Arteixo navegar entre sistemas fiscais para, “fundamentalmente a través dos Países Baixos, Irlanda e Suíza”, pagar impostos onde é máis vantaxoso e non “onde se desenvolve a súa actividade económica real”.

Sempre segundo a investigación dos Verdes-ALE, para entender o sistema empregado por Inditex cómpre realizar unha primeira distinción entre as empresas do grupo que se dedican ao comercio e as que se ocupan de actividades como a xestión financeira e de marcas, os seguros ou o mercado inmoibliario. Na venda de roupa polo miúdo as marxes da compañía van “dende números negativos ata o 5%” de beneficio”. Mentres, “as empresas non minoristas do grupo tiveron marxes de beneficio neto entre o 20% e o 70%” no período analizado. Este segundo grupo de empresas, sinalan, son as localizadas nos devanditos tres Estados con especiais vantaxes fiscais.

A formación presenta Inditex como exemplo da necesidade dunha “harmonización” fiscal na Unión Europea e cualifica as súas operacións de “evasión fiscal legal”

Partindo da base de que están a describir o que definen como “evasión fiscal legal”, os Verdes-ALE debullan tres piares fundamentais na estratexia de Inditex. O primeiro, o dos Países Baixos, onde a investigación identifica ata 20 compañías do grupo de Amancio Ortega. A peza esencial do entramado holandés, din, é a empresa ITX Merken, que dende 1996 xestiona contratos de franquicia de inditex e os seus royalties -en termos simples, o pagamento que recibe Inditex de quen utilizan as súas marcas-. Esta filial permitiulle a Inditex, segundo o informe, aforrar ata 295 millóns de euros en impostos, xa que “se eses royalties fosen pagados” directamente á matriz da multinacional, “en España tributarían a un tipo do 30%” e non co tipo holandés, do 15%. A Facenda española, aseguran, deixou de ingresar 218 millóns de euros por estas operacións.

Operacións coma estas, resaltan, provocan que ata o 32% do beneficio total de Inditex entre 2011 e 2014, uns 3.000 millóns de euros, chegase dende tres das súas filiais en Holanda. Alí ao final do período operaban 56 tendas do grupo, poucas se son comparadas, resalta o estudo, coas máis de 330 en Italia ou Portugal, máis de 150 en Francia ou Grecia ou o cento de establecementos no Reino Unido. O aforro holandés de Inditex, sempre segundo o estudo dos Verdes-ALE, foi de 378 millóns en impostos neses cinco anos.

Os Verdes-ALE destacan que ata o 32% do beneficio de Inditex chegou entre 2011 e 2014 de tres das súas filiais holandesas, onde aseguran que aforrou máis de 370 millóns en impostos

A outra base das operacións do grupo para aforrar en impostos sería Irlanda, onde unhas 770 persoas traballan para Inditex en 8 compañías, segundo o informe. Nun país con apenas catro millóns e medio de habitantes e 23 tendas da multinacional galega os ingresos netos do período superaron os 264 millóns euros, 150 deles na empresa ITX Fashion, antes denominada ITX E-commerce. Esta empresa de 21 empregados “concentra o negocio de comercio electrónico” e conta, á súa vez, con filiais nos Estados Unidos, Shanghai, México, Canadá, Corea e Turquía. O informe estima que manter esta empresa en Irlanda e non en España permitiu que Inditex “aforrase 29,84 millóns en impostos”, aos que cómpre sumar un “aforro” estimado de 12,25 millóns con ITX RE -que xestiona seguros do grupo- e 16,82 millóns de Zara Financiën, controlada dende Dublin e que “segun as súas contas oficiais, non ten empregados”.

O esquema descrito polos Verdes ALE sitúa o terceiro vértice do enxeño fiscal en Suíza, Estado que, sinala a formación, está modificando certos aspectos da súa lexislación fiscal a golpe de escándalo. Aínda que a opacidade suíza dificultou o traballo, o informe sinala que dende alí Inditex “merca a roupa de baixo custo manufacturada en países como Bangladesh, Turquía ou Marrocos” e véndea a “outras empresas do grupo”. Alí, din, Inditex equivou pagamentos de impostos de case 150 millóns a través de ITX Holding, e beneficiouse de “baixos tipos e vacacións fiscais” no “proceso de compra e venda de roupa” mediante ITX Trading, a encargada das relacións cos “terceiros países” nos que se fabrica a roupa “deseñada maioritariamente en España”.

A resposta da empresa

E, que retruca Inditex a este informe? Consultada por Praza.gal a empresa considera que o informe “parte de premisas equivocadas que o conducen a conclusións erróneas” e cita que “se trabuca gravemente ao asegurar, por exemplo, que o Estado español deixou de ingresar en concepto de propiedade industrial 218 millóns”, xa que “as entidades españolas non pagan” por eses dereitos, “senón que reciben beneficios da súa explotación”. “Outro grave erro é sinalar que ITX Merken adquiriu os citados dereitos por 1.472 millóns” e evitou o pago de 84 millóns en España; “o certo é que os 1.472 millóns están suxeitos integramente á tributación en España ao tipo nominal do imposto sobre sociedades”.

Inditex asegura que o informe presenta “graves erros” e afirma que “cumpre escrupulosamente coa normativa fiscal dos 93 mercados nos que está presente” coas súas 400 sociedades

Alén de sinalar estes “erros” a mesma fonte de Inditex asegura a este diario que o grupo “cumpre escrupulosamente coa normativa fiscal dos 93 mercados nos que está presente”, un extremo admitido no propio informe, que alude precisamente á necesidade de harmonizar lexislacións, cando menos en Europa. “A taxa fiscal do Grupo Inditex situouse entre o 22% e o 24%” nestes anos “como consecuencia de niveis de imposiciósn moi diferenciados” entre países, “ten unha política de máxima responsabilidade fiscal” e é “auditada con regularidade polas autoridades fiscais de cada un destes países”, agrega.

Neste sentido Inditex indica que opera en varios países porque é “un grupo verticalmente integrado que intervén en todas as fases da cadea de valor da industria téxtil”, as cales “teñen lugar en diversos países con cadansúa lexislación”. “O Grupo conta con máis de 400 sociedades que realizan operacións entre elas e son valoradas a prezos de mercado”. No caso español, subliñan, “contribuíu neste período con 2.200 millóns ás arcas do Estado, o que representa máis do 2% da recadación por este concepto”.

Artigo de David Lombao en praza.gal

 

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS