Guantánamo, dobre moral para os dereitos humanos

Activistas de Amnistía Internacional vestíronse este sábado con monos de presidiario para "pór en evidencia a dobre moral" do Goberno de Estados Unidos respecto dos dereitos humanos, e volver esixir o peche da prisión de Guantánamo, en Cuba.

O acto levouse a cabo na mañá deste sábado na confluencia entre a rúa do Príncipe e Urzáiz, onde os activistas lembraron aos transeúntes que “Guantánamo segue existindo” e actualmente acolle a “55 presos, dos cales 45 aínda non han ir a xuízo nin foron acusados de nada”.

Os outros 10 foron ou están a ser sometidos a actuacións da comisión militar que non respectan as garantías procesuais internacionais, que son vinculantes para Estados Unidos. Seis poderían de feito ser condenados á morte tras ser xulgados sen as debidas garantías.

 O 1 de xaneiro de 2017 Estados Unidos ocupou o seu posto, cun mandato de tres anos, no Consello de Dereitos Humanos da ONU. No “manifesto” electoral a favor da súa candidatura, Estados Unidos prometeu defender os dereitos contidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos, cumprir as obrigacións contraídas en virtude dos tratados de dereitos humanos e colaborar significativamente cos órganos de tratados da ONU.

              Dez días despois, o 11 de xaneiro de 2017, cumpriuse o 15º aniversario das primeiras detencións en Guantánamo,  detencións radicalmente contrarias á Declaración Universal e ás obrigacións de Estados Unidos en materia de dereitos humanos e ás recomendacións dos órganos da ONU que vixían o seu cumprimento.

     Nestes 15 anos, Estados Unidos hase autoproclamado paladín mundial dos dereitos humanos  mentres recorría á tortura e á desaparición forzada, en Guantánamo e noutros lugares. Ademais, négase a levar ante a xustiza aos perpetradores destes crimes de dereito internacional.

Amnistía Internacional seguiu pedindo ao presidente Obama, mesmo no breve tempo que quedaba antes de deixar o cargo, que cumprise a súa promesa de pór fin ás detencións en Guantánamo e aínda que o número de presos diminuíu, a promesa finalmente non se cumpriu.  Aínda que o anterior goberno culpou ao Congreso de bloquear a medida, a lexislación e a política nacionais non son escusas lexítimas –en virtude do dereito internacional- para que un país non cumpra as obrigacións contraídas nos tratados.

Non é probable que Estados Unidos aceptase esas escusas por violacións de dereitos humanos se as ofrecesen outros gobernos. O resto do mundo non debería aceptalas de Estados Unidos. Amnistía Internacional seguirá esixindo ao novo presidente que poña fin a esta situación.

Amnistía Internacional

Categorías
Dereitos SociaisPolítica

RELACIONADAS