Galiza no deshonroso podio do incremento do paro

De novo un elevado aumento no sector servizos e de novo un mal dato do paro. O mes de novembro deixou en Galicia un incremento en 4.614 persoas rexistradas...
Oficina de emprego -Galipedia

De novo un elevado aumento no sector servizos e de novo un mal dato do paro. O mes de novembro deixou en Galicia un incremento en 4.614 persoas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego con respecto a outubro, o que supón un incremento do 2,3% e sitúa a cifra total en 203.554 desempregados.

Galicia sitúase no podo do incremento do paro no Estado: é a segunda autonomía onde máis medra en termos absolutos e a terceira en relativo

Cos datos deste pasado mes, Galicia volve situarse no deshonroso podio en canto ao incremento do paro rexistrado, ao ser a segunda autonomía na que máis sobe o desemprego en termos absolutos -tan só superada polas Balears- e a terceira en canto á suba relativa, neste caso inferior ás Illes e a Cantabria. Sexa como for, o incremento do 2,3% é superior á media estatal, onde o desemprego sumou 24.841 persoas máis, encadeando así a súa cuarta suba mensual consecutiva tras as de agosto (+14.435), setembro (+22.801) e outubro (+44.685).

O 75% do total de novos desempregados pertencen ao sector servizos tras o peche definitivo da temporada turística

En termos interanuais, pola contra, en Galicia descendeu o paro rexistrado en 21.604 persoas con respecto ao mesmo mes do ano pasado, unha baixada do 9,6%, case un punto máis que a media estatal.

Galicia perdeu 3.000 afiliados á Seguridade Social no pasado mes

De repararmos no paro por sectores, o sector servizos volve ser o máis prexudicado ao acumular o 75% do total de novos desempregados en Galicia tras o peche definitivo da temporada turística. Así, do aumento de 4.614 parados rexistrados durante novembro, 3.443 inclúense neste sector terciario, mentres que o incremento en agricultura, industria e construción é semellante situándose entre as 300 e as 400 novas persoas apuntadas ao antigo Inem.

En canto á Seguridade Social, Galicia perdeu no pasado mes 3.008 afiliados, un descenso do 0,31% que sitúa a cifra total de cotizantes en 968.544 persoas, unhas 9.500 menos que hai un ano. No conxunto do Estado, hai 32.832 afiliados menos e o número total é de  17.780.524.

En canto á taxa de cobertura, situouse en Galicia en outubro nun 51,75% (fronte ao 51,06% de setembro), segundo os datos que publicou este venres o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Miguel Pardo –  praza.gal

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS