Folga na limpeza de PSA Vigo o 3 e 4 de setembro

Os traballadores/as de Clece desenvolverán mobilizacións coincidindo cos paros

O cadro de persoal de Clece, concesionaria da limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, vén de convocar dúas novas xornadas de folga este domingo 3 e o luns 4 en protesta polo incumprimento da empresa dos acordos entre o comité e a dirección. Coincidindo cos paros, os traballadores/as desenvolverán concentracións e manifestacións.

Dende a representación da CIG no comité de Clece explican que a decisión adoptouse tras constatar que a empresa segue sen cumprir tanto os acordos pactados directamente coa empresa como os alcanzados coa mediación do AGA. Ademais, queren denunciar os incumprimentos da dirección en materia de subrogación do persoal e no que ten que ver coas condicións máis beneficiosas que teñen os traballadores/as. Por último, tamén rexeitan o abuso das contratacións eventuais “con posíbel fraude por acumulación de contratos de medio día de duración”.

Coincidindo coas dúas xornadas de folga previstas para este domingo 3 e para o luns 4 desenvolverán mobilizacións: o domingo de 12.30 a 13.30 horas manifestaranse dende a porta principal de Citroën até a rotonda de Castrelos e volverán de novo até as instalacións da empresa de automoción; e de 13.30 a 14.30 horas permanecerán concentrados/as ás portas de Citroën, protesta que terá continuidade pola tarde de 21.00 a 22.00 horas.

As protestas do luns consistirán nunha concentración diante da sede de Clece, en Praza América, de 11.00 a 12.00 horas, e de 13.30 a 14.30 e de 21.30 a 22.30 horas diante de Citroën; ademais, haberá dúas manifestacións: unha de 12.00 a 13.30 e de 20.30 a 21.30 horas, tamén dende as instalacións de Citroën até a rotonda de Castrelos.

CIG

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS