Floteis de Pemes: Feijóo recoñece que as promesas incumpridas non dependían da Xunta

Foi na sesión de control do Parlamento onde Feijóo tivo que responder pola enésima promesa incumprida de Pemex
Estaleiros de Vigo, Imaxe Ernesto Ilkermn

Recrimináronllo En Marea e BNG. “A súa palabra non vale nada”, dixéronlle a Feijóo. “Anunciounos  unha alianza estratéxica con Pemex coa que se ían construír 14 remolcadores, floteis, quimiqueiros e unha base loxística en Punta Langosteira, pero todo quedou en dous floteis, a venda de saldo dun estaleiro histórico e as rías cheas de mentiras e de persoas defraudadas”, espetoulle a portavoz nacionalista, Ana Pontón. “Vendeu fume e promesas que non podía cumprir; fixo facer pasar como un éxito electoral e político propio o que non dependía de vostede”, insistiu Villares, voceiro da primeira forza da oposición. O presidente da Xunta desculpou e xustificou a petroleira mexicana, asumiu que todas aquelas promesas dependían da marcha da multinacional e non dos publicitados acordos co Goberno galego e glosou as cifras da crise económica da empresa ou da evolución do prezo do cru.

“Vendeu fume e promesas que non podía cumprir; fixo pasar como un éxito propio o que non dependía de vostede”, di Villares a Feijóo

Foi na sesión de control do Parlamento onde Feijóo tivo que responder pola enésima promesa incumprida de Pemex: a cancelación do segundo flotel comprometido en Barreras e a paralización da construción da base loxística prevista no porto exterior da Coruña, que se uniu aos numerosos proxectos esvaecidos nos últimos anos. Os tres buques tanque, o atuneiro, o baro de apoio a plataformas petrolíferas, os dous quimiqueiros, os sete remolcadores ou a renovación de parte da frota da multinacional azteca. Todo quedou en nada.

Villares lembroulle a Feijóo que “a xente confiou na súa palabra” para, “hai tan só quince días”, comprobar como o presidente da Xunta “saía a defender a Pemex, escusándoo por non facer a obra de Punta langosteira en lugar de pedirlle explicacións”. “Compórtase como o conselleiro delegado de Pemex que non é; asumirá agora o fracaso como propio ao igual que antes asumiu como tal o éxito?”, preguntoulle. O presidente da Xunta tirou de contas de resultados e deulle ao portavoz de En Marea a “benvida ao mundo das empresas”. “Son eu responsable da baixada do prezo do cru?”, retrucou.

Feijóo tirou de contas empresariais e do prezo do cru para asumir que os compromisos con Pemex non dependeron nunca da Xunta

A continuación, achegou números para xustificar o incumprimento das promesas anunciadas por parte de Pemex, lembrou que a empresa perdeu “40.000 millóns en 2015 e 7.300 en 2016” e que o prezo do barril “estaba a 114 dólares cando se asinou o acordo e está agora a 56”. Así, segundo dixo, ningunha compañía “pode manter todos os seus invstimentos, nin en Galicia nin en México”. E asumiu, ao tempo, que aqueles compromisos cos que regou a campaña electoral de 2012 e mesmo a última non dependían nin moito menos da Xunta nin estaban asegurados.

Villares recriminoullo e acusouno de ser “o relacións públicas de Pemex”. “Estamos comprobando que é vostede quen xustifica o que fai ou non as empresas”, dixo o portavoz de En Marea, tras acusar a Feijóo de “exculpar” a multinacional tras “vencer como propio o que non podía cumprir”. “Non podía apuntarse eses tantos porque non dependían de vostede”, engadiu.

Villares acusa a Feijoo de “ser o relacións públicas de Pemex” e “xustificar” as decisións da empresa

Feijóo, pola contra, tirou do conseguido, presumiu dos “300 millóns e os 3 millóns de horas de traballo” que proporcionaron os dous floteis e dunha venda dun estaleiro como Barreras, “que estaba en liquidación” e que se puido “levantar”. Ademais, lembrou que Pemex pagou durante catro anos un aval para reservar unha parcela no porto exterior da Coruña -“suponse que tiña interese”, aclarou- e presumiu dos dous buques hotel fabricados en Galicia. “Son máis grandes que este Parlamento, vaia velos”, díxolle a Villares.

“Os dous floteis son máis grandes que este Parlamento”, presumiu Feijóo, que teme que un deles non se entregue por estar fóra de prazo

“Son director comercial de Galicia e vou arriscar en todos os sitios. Haberá dous floteis navegando polo mundo grazas ao esforzo deste país”, rematou Feijóo, non sen antes amosar o seu desacougo pola posibilidade de que un deles finalmente non navegue. “O que máis me preocupa é que Navantia entregue o flotel en prazo porque xa está fóra del, deberíamos estar preocupados por cumprir os contratos asinados”, asegurou.

Refírese Feijóo aos atrasos que se van acumulando na entrega de Orgullo Petrolero, o buque hotel que se constrúe na ría de Ferrol. A entrega, nun principio, estaba prevista para o pasado mes de xullo e logo para setembro, pero en ningún dos dous prazos se levou a cabo. Agora ampliouse a data límite ata mediados do vindeiro mes de xaneiro e os sindicatos temen que non se poida entregar ou que mesmo se cancele a cesión de incumprírense as condicións.

Alén disto, xa en comisión, a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, reprochou ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, os reiterados incumprimentos do goberno con naval galego, que interpreta como “reflexo evidente de que a Xunta carece de estratexia para o sector”, ao que usan como “parte das campañas electorais do PP, igual cos mitins”.

Miguel Pardo   praza.gal

Categorías
Política

RELACIONADAS