Ferroatlántica: Villar Mir ameaza 400 empregos en Galiza coa venda en anacos das súas hidroeléctricas

Os traballadores das factorías da Costa da Morte inician un peche indefinido no Concello de Cee ante as intencións do grupo de desagregar as centrais e a ferroaleación para facer caixa coas hidroeléctricas
Instalaciones de la empresa Ferroatlántica

Traballadores de Ferroatlántica iniciaron este luns un peche indefinido no Concello de Cee, na Costa da Morte. Con esta protesta, o persoal continúa coa súa loita contra a intención do grupo empresarial da familia Villar Mir de levar a cabo a desgregación e posterior venda das hidroeléctricas que posúe na comarca, onde o emprego desta factoría ten un enorme impacto. Ademais do peche, o comité anunciou tamén concentracións diarias diante do Concello, pide o apoio da cidadanía e esixe a Núñez Feijóo que reciba aos representantes e impida as intencións da empresa.

O caso é que Ferroatlántica recoñeceu xa hai tempo que mantén conversacións con varios grupos investidores interesados en comprarlle a súa división de enerxía, o que provocou o lóxico temor e as alarmas nas fábricas de ferroaleación de Cee e Dumbría, así como no seis centrais hidroeléctricas construídas nos ríos Xallas (Ferveza, Ponteolveira, Castrelo, Novo Pindo e Santa Uxía I e II) e Grande (Carantoña).

O cadro de persoal cre que se estas instalacións son vendidas a calquera destes grupos alleos á empresa, as dúas factorías acabarán por deixar de ser competitivas e por pechar. A compañía dá traballo a unhas 400 persoas, unhas 284 con contrato indefinido e ao redor de cen máis eventuais, e o seu peche suporía tamén a perda de varios empregos indirectos.

Desde o comité de empresa insístese en que a Xunta ten a capacidade de paralizar esa posible venda ou de facer desistir ao Grupo Villar Mir de levala a cabo, xa que as concesións hidroeléctricas foron declaradas de interese público e vinculadas sempre á actividade de ferroaleación.

A construción dos encoros -o da Fervenza supuxo en 1966 alagar unha superficie de 1.250 hectáreas e varias aldeas- e das centrais hidroeléctricas foron justificadas na creación de emprego e na continuidade das factorías. E foron condicionadas a xerar enerxía para a produción de ferroaleación.

Pero o persoal sabe tamén que a Xunta é quen pode modificar unha concesión que é súa e abrir a porta ao proceso de venda no caso de que acepte esa desagregación que non é a primeira vez que tenta a empresa.

De feito, hai sentenzas do TSXG e do Supremo que certifican que as dúas ramas -a de ferroaleación e a de enerxía hidroeléctrica- son unha soa actividade produtiva e que foron ditaminadas tras os recursos presentados por Villar Mir. O grupo empresarial propúxose fai máis de vinte anos comprar a división de ferroaleación de Carburos Metálicos separando esta actividade e a de enerxía en dúas empresas para converter así as centrais eléctricas, destinadas á provisión de enerxía ás fábricas de Cee e Dumbría, en simples produtoras de electricidade para a súa venda no mercado.

Logo, o Goberno de Fraga, coa aprobación do Parlamento, condicionara a autorización administrativa para o cambio de titularidade das concesións que Carburos ten dos aproveitamentos hidroeléctricos no Xallas e Grande de Porto á non segregación en dúas sociedades distintas da actividade de ferroaleación e produción de enerxía eléctrica, preservando así o seu interese público e condicionando que a produción enerxética estea vinculada aos usos industriais das factorías.

En 1994, a Xunta esixe ademais á empresa compradora un plan de viabilidade que garanta a solvencia da explotación conxunta dos aproveitamentos hidroeléctricos e da produción de ferroaleación. Villar Mir acepta todas as condiciones pero interpón recurso contencioso-administrativo ante o TSXG, que ditamina a favor do Goberno galego, do mesmo xeito que o Supremo en 2001 despois doutro recurso de Ferroatlántica.

Os traballadores esixen agora que a Xunta interveña de maneira inmediata e que paralice calquera posibilidade de venda. “Non chega con facer declaracións ambiguas de garantía dos postos de traballo, nin que o PP da comarca sitúese detrás dunha pancarta mentres o seu goberno pode ser verdugo da zona”, di o comité de empresa, que espera un posicionamento claro de Feijóo contra esta “operación especulativa”.

O presidente da Xunta terá a oportunidade no pleno ordinario do próximo mércores, onde unha das preguntas dos grupos parlamentarios nesa estrea da lexislatura será sobre a situación de Ferroatlántica. Os traballadores, os sindicatos e toda a oposición estarán atentos á resposta e cunha posición unánime nunha comarca onde boa parte da súa actividade económica depende da ferroaleación.

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS