Fenosa e Iberdrola volven fracasar noutro intento de limitar o imposto galego aos grandes encoros

O Tribunal Superior rexeita a pretensión de Gas Natural Fenosa de que a Xunta non lle cobrase polos 141 e 135 metros dos seus saltos de auga do Tambre senón só por 8,33 metros

Entre 10 e 15 millóns de euros ao ano recada a Xunta co canon polo impacto ambiental dos grandes encoros que o bipartito implantou por lei a finais de 2008. Un imposto que as hidroeléctricas recorreron e que en 2014 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou rexeitando a pretensión de Gas Natural Fenosa e Iberdrola de que elevase unha cuestión de inconstitucionalidade. Pero as dúas eléctricas recorreron non só o fondo da norma senón tamén a forma, o xeito en que se calcula o canon, para tentar pagar menos, e tamén niso o TSXG quítalles a razón en varias sentenzas similares que foi emitindo nos últimos meses. Nas dúas últimas sentenzas, de febreiro e marzo, as primeiras que cuantifican a discrepancia, o TSXG rexeita a pretensión de Fenosa de que a Xunta non lle cobrase polos 141 e 135 metros dos saltos de auga do seu embalse Barrié de la Maza no río Tambre senón só por 8,33 metros.

O Tribunal Superior rexeita a pretensión de Gas Natural Fenosa de que a Xunta non lle cobrase polos 141 e 135 metros dos seus saltos de auga do Tambre senón só por 8,33 metros

O canon aos grandes encoros calcúlase con parámetros variables en función da auga que moven pero tamén con parámetros fixos como a potencia instalada ou o denominado “salto bruto”, definido como a “diferenza de cotas entre o nivel da auga no punto de toma e o punto en que a auga se reintegra ao río” logo de pasar polas turbinas -ten en conta só a diferenza de altura, non a distancia, que no caso do Tambre é duns sete quilómetros entre o encoro e as súas dúas centrais eléctricas- . “A discrepancia xurde verbo de como se determina o salto bruto, que o recorrente [Fenosa] cifra en 8,33 metros, en tanto que a administración o eleva a 135,5 metros”, di a sentenza sobre o recurso presentado por Fenosa contra o imposto que a Xunta lle cobra polo aproveitamento Tambre I do encoro Barrié de la Maza. E similar recurso presentou a eléctrica para o aproveitamento Tambre II do mesmo encoro, onde pretendía que se tivesen en conta os mesmos 8,33 metros e non os 141 metros sobre os que a Xunta calcula ese canon.

As hidroeléctricas tentaron que a Xunta contabilizase para calcular o imposto os puntos de toma da auga máis baixos dos seus embalses e non os máis altos

As hidroeléctricas, tanto no caso de Fenosa como no de Iberdrola, con sentenzas similares pero nas que non se cuantifica a discrepancia, tentaron que a Xunta contabilizase para calcular o imposto os puntos de toma da auga máis baixos dos seus embalses e non os máis altos. O TSXG rexéitao e di que “a toma á que se refire o precepto non é a correspondente ao lugar físico na parede do encoro da que parte a auga e se conduce ao grupo xerador senón […] a que se corresponde coa toma do encoro e que permite acadar a cota de coroación, como sostén a resolución recorrida [da Xunta]”. “Deste xeito a cota permanece constante para os diferentes volumes de auga do embalse, o que é coherente coa base impoñible do imposto”, di o tribunal, que engade que “á mesma conclusión chégase se se repara que os tramos de salto bruto que a lei recolle serían innecesarios nas súas cotas máis altas pois a cota de toma de auga nunca acadaría as lonxitudes previstas nos últimos tramos”. Así, o tribunal dá a razón á Xunta no xeito en que esta calcula o tributo fronte ás pretensións das hidroeléctricas para reducir o importe. As sentenzas do TSXG poden ser recorridas en casación ante o Tribunal Supremo.

David Reinero

Categorías
Ecoloxía

RELACIONADAS