Feijóo lanza a ofensiva contra os gobernos locais da esquerda dende a sede da Xunta

O primeiro acto desta estratexia cara a 2019 foi escenificado pola organización conservadora coa presentación, na casa consistorial coruñesa, dunha fronte común dos voceiros municipais nas tres cidades da provincia contra os "alcaldes mareantes".
Imaxe: Wikimedia Commons

A precampaña das eleccións municipais de 2019 xa comezou. Inmediatamente despois dos comicios galegos que o pasado 25 de setembro lle serviron ao PP para recuncar na maioría absoluta, Alberto Núñez Feijóo e os seus dirixentes máis próximos transmitiron esta mensaxe tanto en público como en actos internos aos principais núcleos locais do partido. As municipais de 2015 levaron o PP ao seu peor resultado local en Galicia e a obter o nivel de apoio máis baixo nun cuarto de século e agora o que toca é completar o ciclo ascendente iniciado nas xerais de xuño desaloxando a esquerda do poder municipal dentro de dous anos e medio. É por iso que o propio Feijóo vén de se poñer simbolicamente á fronte dunha ofensiva que ten no albo, en xeral, aos gobernos de partidos diferentes do PP, pero moi especialmente aos concellos urbanos con alcaldías das mareas: A Coruña, Santiago e Ferrol.

O primeiro acto desta estratexia cara a 2019 foi escenificado pola organización conservadora coa presentación, na casa consistorial coruñesa, dunha fronte común dos voceiros municipais nas tres cidades da provincia contra os “alcaldes mareantes”, en verbas de Agustín Hernández, ex-alcalde de Santiago. “A situación pasou a ser alarmante tras coñecerse os últimos datos da EPA”, afirmaron Hernández, Rosa Gallego e Martina Aneiros, aínda que o propio Instituto Galego de Estatística advirta de que este estudo non é válido para avaliar o mercado laboral nas cidades pola súa escasa mostra e o indicador máis fiable para facelo sexan as afiliacións á Seguridade Social.

A cúpula do PPdeG insta dende hai semanas os líderes locais a preparar xa as municipais de 2019

Acusacións e cualificativos como “desgraza”, “parálise” ou “sectarismo” ecoaron dende as filas populares nas tres urbes nos últimos días ata que Feijóo, dende a sede da Presidencia do Goberno galego que exercerá en funcións ata mediados deste mes, lle puxo voz a este argumentario en termos moi semellantes. Tras ser preguntado ao respecto por un xornalista despois da xuntanza do Consello o xefe do Executivo debuxou un panorama de “parálise acuciante” e “lío interno” que “fai moi difícil avanzar nos grandes asuntos das cidades”, dixo. “Non hai quen acorde nin quen aprobe os grandes temas” e “iso empeza a ter efectos secundarios”, agregou.

O líder popular traza dende San Caetano un retrato de “parálise acuciante” tras a presentación da fronte común do PP contra os “alcaldes mareantes”

Sempre segundo a versión presidencial os “problemas” atinxen á Xunta en “cuestións tan evidentes como facer estacións intermodais”. “Unha administración quere facer unha grande infraestrutura e deberían facilitar ese investimento”, agregou, ademais de dar en criticar que “os gobernos das mareas de Podemos” queiran “protexer o incremento do IBI”, unha modificación tributaria aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy. As baixadas defendidas polos populares, advertían este venres dende a Marea Atlántica da Coruña, “beneficiarían, sobre todo, ás rendas altas”.

A aposta declarada por intensificar a presión sobre estes gobernos continuará nos vindeiros meses en dúas frontes. Por unha banda, no propio ámbito local, aproveitando adicionalmente as dificultades internas dos socialistas, necesarios nestas tres cidades para a aprobación dos principais asuntos que requiren a luz verde do pleno. E por outra, dende a Xunta, onde á estratexia de denuncia da “parálise” se unirán anuncios de investimentos e de accións tanto no ámbito das infraestruturas como no social, campo no que se presentará os concellos como obstáculos para ofrecer prestacións a cadansúas veciñanzas.

Ourense, sitio distinto

Feijóo exclúe das críticas a Ourense, onde o PP goberna en minoría cos orzamentos prorrogados de 2014 e paira a sombra da moción de censura

Feijóo estende tamén, aínda que en menor medida, o retrato da “parálise” aos gobernos locais de Lugo e Pontevedra -encabezados por PSdeG e BNG, respectivamente-, mentres que nas últimas semanas rebaixou, cando menos publicamente, o ton cara a quen foi un dos seus principais antagonistas municipais nos últimos catro anos, o vigués Abel Caballero. A alerta dende o atril de San Caetano é moito menor, no entanto, no que atinxe á única das sete cidades gobernada polo PP, Ourense, cuxo alcalde, Jesús Vázquez, goberna con 10 dos 27 edís da corporación e arrastra diversos problemas de xestión diaria, a comezar pola aínda pendente aprobación dos orzamentos que obriga o consistorio a seguir traballando coas contas prorrogadas en 2014, daquela con alcalde socialista.

A inestabilidade ourensá, que é xunto a Ferrol a única cidade que non logrou sacar adiante as contas públicas de 2016, ameaza con ampliarse nos vindeiros meses. Así, tras certos acordos puntuais do PP cos socialistas para sacar adiante algúns asuntos, fundamentalmente de tipo económico, esta mesma semana o líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome (8 edís), anunciou a súa intención de retomar os contactos co PSdeG (6 edís) para explorar a posibilidade de desbancar a Vázquez mediante unha moción de censura, abrindo a porta por primeira vez a deixar de lado a esixencia de ocupar el mesmo a alcaldía. Esa operación, remota polo momento, precisaría cando menos a abstención dos tres representantes de Ourense en Común no momento da votación.

David Lombao–  praza.gal

Categorías
Política

RELACIONADAS