Éxito na campaña de asinaturas lanzada polo BNG a prol dunha AP9 galega e libre de peaxes

SACYR vendeu a autoestrada no ano 2008 a un dos maiores grupos financeiros do mundo, o estadounidense Citigroup
Imaxe: bng.gal

A AP-9 é unha infraestrutura estratéxica para o noso país. Vertebra toda a franxa atlántica, de Ferrol a Vigo, e resulta de importancia vital para a mobilidade interna e o desenvolvemento económico da Galiza.

Campaña de asinaturas, Por unha AP-9 galega, pública e libre de peaxes.

A súa xestión é, desde a orixe, de competencia estatal. O inicio da concesión remóntase a 1973. No ano 2000, cando xa tiñan transcorrido 27 anos de dereito de explotación, o Goberno de Aznar ampliou a concesión até o 2048, esgotando o máximo legal de 75 anos.

Tres anos despois o PP procedeu á súa privatización. Por 1.586 millóns de euros foi adxudicada ao grupo empresarial encabezado por SACYR, unha das empresas emblema da burbulla inmobiliaria española. A decisión supuxo fortes incrementos de prezos sen que mellorase nin a capacidade das vías nin a calidade do servizo.

SACYR vendeu a autoestrada no ano 2008 a un dos maiores grupos financeiros do mundo, o estadounidense Citigroup. Nestes anos de crise, as peaxes incrementáronse de xeito desproporcionado e xerou un forte descenso do número de usuari@s, provocando o colapso de vías alternativas.

PORQUE PEDIMOS O RESCATE, A TRANSFERENCIA A GALIZA E A SUPRESIÓN DAS PEAXES?

  1. Porque a AP-9 xa está amortizada.
    A AP-9 leva recadado en peaxes desde a súa apertura máis de 2.200 millóns de euros e xerou máis de 750 millóns de euros de beneficio.
  2. Porque a xestión que padecemos é abusiva e discriminatoria.
    Os beneficios que obtén a empresa non repercuten na mellora do servizo, ao contrario. As longas colas son habituais en determinadas épocas do ano e a iluminación e o asfaltado é deficiente en moitos tramos. Por riba, as e os usuarios habituais da AP-9 non poden beneficiarse de descontos polo seu uso frecuente, descontos que Itínere -o grupo onde se integra Audasa- si ofrece noutras autoestradas do Estado.
  3. Porque Galiza precisa dun deseño e xestión propia das súas infraestruturas.
    O deseño estatal de vías de grande capacidade obedece, de orixe, a unha concepción centralista e radial, allea por completo ás necesidades da realidade territorial, social e económica do noso país. A consecuencia é que temos unha maior facilidade de desprazamento cara a Madrid que cara dentro da propia Galiza.

POR UNHA AP-9 GALEGA, PÚBLICA E LIBRE DE PEAXES

A nosa petición é clara. Queremos que remate a estafa legal das peaxes da AP-9, a través do rescate da concesión, da súa transferencia á Galiza e da supresión das peaxes.

Categorías
Política

RELACIONADAS