Estrea en Ourense do documental “Metamorphosis”, unha reflexión sobre a revolución municipalista

O traballo proxectarase mañá martes, ás 20h, no Espazo en Común das Burgas. O filme retrata o cambio político impulsado polos colectivos cidadáns.

O Espazo en Común das Burgas inicia mañá un ciclo audiovisual no que pretende convidar á reflexión sobre a revolución municipalista de 2015.

    Na cita deste martes, proxectarase por vez primeira en Ourense o documental “Metamorphosis(Manuel Pérez Cáceres, 2016), que narra a historia de éxito de Barcelona En Comú e analiza a incorporación dos movementos sociais e veciñais ao ámbito institucional.

    A través dos ollos de Laia Forné, o traballo retrata o cambio irreversible no xeito de facer política, máis cotiá, humana e impulsada desde colectivos cidadáns, reflexionando sobre as dificultades e retos que a xente da rúa debe afrontar para chegar ás institucións, e recollendo a evolución do empoderamento da cidadanía, que culminou nunha vitoria histórica o 24 de maio de 2015.

    Ourense en Común participou como mecenas deste traballo, colaborando na campaña de crowdfunding que a produtora lanzou na plataforma Verkami o pasado ano, para contribuír a financiar a distribución do documental, proxectado xa con grande éxito en algunas das citas cinematográficas máis consolidadas do país, como o Festival de Málaga ou o Docs Barcelona.

    “Metamorphosis” proxectarase mañá martes 17 de xaneiro ás 20h no Espazo en Común das Burgas, con entrada de balde para todas aquelas persoas que desexen asistir.

    Para o mes de febreiro, o Espazo programa xa unha nova proxección coa mesma temática municipalista, desta volta dende os ollos de Ada Colau Ballano no documental “Alcaldesa (Pau Faus, 2016).

Categorías
Política

RELACIONADAS