Ernesto Chao: “Aquí ninguén se fixo rico coas subvencións”

Ernesto Chao é desde hai unhas semanas o novo presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
Ernesto Chao

O coñecido actor, que foi un dos fundadores deste colectivo no 1985, sucede a Vicente Mohedano na directiva da AAAG, que abriu nova etapa encabezada por caras novas e tamén membros da xunta saínte. Chao repasa neste entrevista os problemas, vellos e novos, da profesión.
Foi un dos creadores da asociación no 1985. Por alí andaba tamén Mabel Rivera. Como é pasar de fundador hai tantos anos a presidente agora?

É a primeira vez que son presidente, pero sempre estiven ligado á asociación: como secretario, tesoureiro, vocal… Nunca tivera a responsabilidade máxima de ser presidente, pero ao final tocou… É complicado porque non é a mellor época. Temos moitos retos por diante. Nas etapas de crise o primeiro que cae é a cultura. Temos moitas batallas por diante.

“Nas etapas de crise o primeiro que cae é a cultura. Temos moitas batallas por diante”

Xa fora presidente de Escena Galega, e nun momento difícil, cando Agadic debía un monte de cartos ás compañías e houbera varias mobilizacións…

Fun, si, presidente da “competencia”. (Ri). Aquel problema dos pagos de Agadic solucionouse. Agora os problemas son outros.

Cales son os principais?

A Rede Galega de Teatros e Auditorios quedou reducida case á metade. Antes estaban integrados 50 e pico concellos e agora son 30. Moitos concellos deixaron de programar ou programan moi pouco. No audiovisual, a outra cuestión pendente é o convenio colectivo, que se tardou 12 ou 15 anos en facer.

“Moitos concellos deixaron de programar ou programan moi pouco”

O convenio, -que é estatal-, hai que cumprilo. E o que pasa -non quero xeralizar- é que hai empresas que están a pagar por debaixo do convenio, ou que non respectan as categorías que se corresponden co traballo que se fai, para poder pagar menos. Están a facerse tamén xornadas maratonianas e iso repercute na calidade dos produtos. Unha serie de 15 capítulos que antes se gravaba en 3 meses agora faise en mes e medio. Hai que convencer non só as produtoras, senón a televisión, de que se non paga o que corresponde polas series, o que fai é precarizar o traballo.

“Están a facerse tamén xornadas maratonianas e iso repercute na calidade dos produtos”

O primeiro Convenio de Actores e Actrices de Galicia non foi realidade ata o 2009. Hai pouco estaba a negociarse o segundo e non había acordo entre Escena Galega e a AAAG. Por que?

O convenio do audiovisual está renovado. O das artes escénicas estamos a negocialo. Imos ter unha segunda xornada. Eu creo que imos chegar a acordo: ao ser todos da profesión, e ademais tendo en conta que as empresas do teatro en Galicia son moi pequenas e somos os mesmos… Non me preocupa. Vai haber acordo.

Unha das últimas mobilizacións da AAAG produciuse con motivo da eliminación de postos de traballo no CGAI. Non valeu de moito pero, que significa respecto da política cultural?

Desmantelar o CGAI é unha aberración, igual que o foi desmantelar o arquivo teatral, hai seis ou sete anos. E o máis grave é que non se sabe onde está o material que contiña. Era un arquivo que funcionaba moi ben. Pedírannos material ás compañías, dixitalizárano todo… e despois pechárono e non se soubo máis.

“Desmantelar o CGAI é unha aberración, igual que o foi desmantelar o arquivo teatral”

E a propia AAAG? Vai haber mudanzas na súa dinámica? Na última directiva houbo algúns problemas.

Temos unha directiva moi ampla, de 13 persoas. A nosa intención é que estean representadas todas as xeracións. Xente coma Mabel e eu, que nos chaman cariñosamente “dinosaurios”, e xente nova que acaba de saír da ESAD, e autodidactas… Todos loitamos polo mesmo. Estamos organizados en comisións e facemos xuntanzas periódicas.

Hai tempo que se está a repetir, no teatro, que estamos a chegar ao final dunha etapa de 30 anos e que se está a desmantelar o que levou tanto tempo construír. A súa propia compañía anunciou que pechaba, despois volveu cunha obra de pequeno formato…

Nós pechamos, volvemos e volvemos pechar. É moi difícil manter unha compañía e, claro, nós xa levabamos moitos anos. A miña compañeira, Rosa Álvarez, xubilouse e entón, claro, seguir coa compañía non era viable. Eu levo cotizados 35 anos…

Pois non é nada doado ser actor e levar cotizados 35 anos. Sería polo seu traballo na televisión…

Non é nada fácil, non. De feito, Rosa tiña menos anos cotizados. O que ocorre é que, claro, na profesión de actor os contratos son esporádicos. Menos mal que nas altas, no audiovisual, desdóbranse en varios días… Eu estiven moitos anos traballando en ‘Pratos combinados’ e iso axudou moito, si.

Pero a pregunta era cal é a situación agora. Seguen pechando compañías?

Non, o que está ocorrendo é o contrario. Están nacendo compañías novas e por iso hai tantas. Unha das nosas reivindicacións era ter unha escola de teatro e a creación da ESAD foi un paso adiante moi importante. Pero como non hai traballo, a xente que acaba de saír da escola dáse de alta, funda compañías. É natural, porque queren traballar. Pero o que pasa é que acabamos no minifundio. Son compañías pequenas, de pouca xente… e como aos concellos moitas veces o que lles interesa é contratar compañías de pouca xente porque cobran menos… pois foméntase o minifundio. O CDG ten que facer espectáculos de gran formato e non os está a facer. Cando o CDG empezou facíanse montaxes con 25 ou 30 persoas.

“Cando o CDG empezou facíanse montaxes con 25 ou 30 persoas”

E había moito público, segundo contan. Tamén habería sede de teatro, pois non había moito que acabara o franquismo… Que mudou?

Os espectáculos do CDG estaban unha semana en cada cidade e había colas para mercar entradas. Era outro tempo, pero ademais o que pasou é que se recortaron moito os orzamentos, non houbo unha política para asentar as programacións… A nova directora ten moito traballo por diante para darlle ao CDG o brillo que merece.

Hai tempo que se está a pedir que o CDG teña autonomía, entidade xurídica propia… Tamén se está a debater sobre a Lei das Artes Escénicas…

O CDG ten que ter autonomía e un orzamento propio. Debería saber a primeiros de ano que orzamento ten. E non ter que ir arañando orzamento de Agadic espectáculo por espectáculo. Así non hai xeito de que teña unha programación coherente.

Coa institucionalización do teatro, co CDG, que foi tan importante para a profesionalización do traballo dos actores e actrices, tamén se perdeu a relación que tiñan co espectador algunhas compañías moi arraigadas a nivel local… Se cadra se deixou de buscar tanto o público, ou se fixo de xeito menos eficaz, cando había contratos do CDG. Tampouco é un espectador militante como o de finais dos 70 e dos 80…

Compañías moi arraigadas localmente e cun público moi fiel segue habendo. Chévere é un exemplo. Mais cambiaron os tempos, claro. E boa parte da dificultade veu pola falta de hábito do público. Se hai unha programación estable, se hai teatro por exemplo unha vez á semana, se hai unha periodicidade estable, é moito máis probable xerar ese hábito de ir ao teatro.

“Se hai unha programación estable é moito máis probable xerar ese hábito de ir ao teatro”

Se cadra tamén houbo erros de partida que non se subsanaron no momento en que había cartos, nos 80 e sobre todo nos 90. O modelo de axudas escollido non favoreceu moito a consolidación dos proxectos. Hai reivindicacións históricas: o sistema de residencias, a mellora da distribución… Se cadra as compañías tampouco se plantaron o suficiente ante a Xunta no seu momento, non sei…

Non digo que a profesión non tivese a súa parte de culpa, pero a realidade é que os gobernos non están a apostar pola cultura e o recorte de orzamentos é tremendo. Aquí ninguén se fixo rico coas subvencións, pero antes podías traballar con certa tranquilidade. Agora non podes nin facer unha escenografía decente, porque os poucos cartos que hai teñen que ir, claro, para pagar o traballo dos actores. E si que hai reivindicacións que son moi vellas e que non conseguimos que se escoitaran, pero tamén é verdade que por exemplo as compañías residentes nas cidades, cun espazo propio, si existiron, e non hai tanto que acabaron con elas por falta de orzamento. É a política cultural de Agadic.

“Aquí ninguén se fixo rico coas subvencións, pero antes podías traballar con certa tranquilidade”

Algo que está a pasar é que as compañías novas saen máis de Galicia.

O mercado galego é cada vez máis cativo e, claro, hai que buscar bolos fóra. Pero iso tampouco é a panacea. Podes saír perdendo cartos. E tamén o faciamos nós: cando eu traballei con Teatro do Noroeste, nos 90, faciamos bolos por Castela, Levante… Pero agora é moi difícil. Antes saías 8 ou 10 días para facer 6 ou 7 funcións. Agora é imposible, porque co pouco que se programa só terías unha función cada varios días…

Unha vez comentou que a súa compañía, Lagarta Lagarta, pasara de ter unhas 70 funcións ao ano a ter 20. É o problema da distribución: nin os espectáculos chegan a evolucionar ao contrastalos co público, nin a compañía recupera o diñeiro da produción, o cal a fai máis dependente das axudas á produción do ano seguinte…

Lagarta pasou, si, de ter 70 ou 80 funcións ao ano a ter 20. Hoxe, se tes 20 ou 30 bolos ao ano xa se considera que a obra é un éxito. Hai compañías que non conseguen facer máis de 2, 3 ou 4 funcións. Iso é un desbaldimento de cartos, fai que producir non poida ser rendible… Eu estou traballando en ‘Noiteboa’, coa compañía Redrum, e como temos 30 e pico funcións xa nos felicitan polo éxito.

“Hoxe, se tes 20 ou 30 bolos ao ano xa se considera que a obra é un éxito”

Están dous actores moi coñecidos, vostede e Mela Casal. E é un exemplo de teatro “comercial”.

Outros espectáculos con actores coñecidos non conseguen pasar das catro funcións ao ano… Non é só porque haxa caras coñecidas.

Non falamos da feira das artes escénicas. Ou mostra.

Ou seudofeira. É necesaria, pero tería que facerse noutras condicións. Serve por exemplo para que compañeiros que acaban de saír da ESAD dean a coñecer o seu traballo.

Pero non hai xa programadores de fóra, por exemplo. E se cadra un dos problemas do teatro galego foi someterse pouco á crítica de fóra e a un público menos cómplice.

Sería mellor que houbese programadores de fóra, si, pero en Agadic din que non hai cartos para traelos. Polo menos temos os de aquí. Iso si, o que creo que non é un bo modelo son os showcases. É moi difícil mostrar o que é un espectáculo en tan pouco tempo.

“Público hai, o que pasa é que tería que haber máis”

Un dos vellos debates, e tamén un tópico, é o da recepción, o da creación de público. Facer tamén autocrítica coas escollas dos textos, a calidade das obras…

A nós non é o público o que nos falta… Mesmo hai uns días quedou xente de pé nunha función. Axuda o que ofrezas: a escolla do espectáculo, quen o encabeza… Mais público hai, o que pasa é que tería que haber máis.

Montse Dopico | @montsedopico   praza.gal

Categorías
Cultura

RELACIONADAS