En Marea pide cambios legais para pechar a Fundación Francisco Franco

Hoxe solicitou no Congreso dos Deputados a modifcación da Lei de Fundacións e a investigación de actuacións “presuntamente ilícitas” por parte da citada entidade

A Coruña, 3 de xaneiro de 2017. En Marea rexistrou este martes e presentou nunha rolda de prensa na Coruña unha batería de iniciativas para coñecer e denunciar as actividades presuntamente ilícitas da Fundación Franco.

Os deputados Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino rexistraron unha solicitude de información ao Goberno para coñecer as cuantías públicas percibidas pola Fundación Francisco Franco desde a súa constitución, desglosadas por exercicios fiscais e con indicación concreto das datas, o concepto e as cuantías.

Ademais, os deputados de En Marea presentaron unha Proposición Non de Lei para solicitar a investigación por parte do Protectorado de Fundacións das actividades “presuntamente ilícitas” realizadas pola Fundación Francisco Franco, para o seu debate no Pleno e nas Comisións de Xustiza e Interior.

En Marea considera que o Congreso dos Deputados debe instar ao Goberno a que dicte as instrucións pertinentes para que se abra unha investigación sobre o funcionamento desta Fundación “dada a constatada existencia de indicios racionais de ilicitude penal na súa actividade”, así como “dictar unha resolución motivada, dando traslado de toda la documentación ao Ministerio Fiscal ou ao órgano xurisdicional competente”.

De feito, como destacou esta mañá en rolda de prensa o deputado Antón Gómez-Reino, “é inverosímil que siga a existir a Fundación Francisco Franco, como o sería que existise unha Fundación Adolf Hitler en Alemaña”.

Gómez-Reino salientou que “o máis sorprendente é que esta Fundación Francisco Franco cuestione decisións democráticas adoptadas nos gobernos municipais, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, cando ademáis seguen a percibir axudas económicas estatais”. A este respecto, hai que lembrar que esta Fundación vén de remitir unha carta a 355 alcaldes na que ofrece asesoramento e asistencia legal para que non teñan que aplicar a Lei de Memoria Histórica que lles obriga a retirar os símbolos franquistas das rúas e dos edificios públicos.

O Goberno tamén debe “impugnar” todos aqueles actos e acordos do Patronato que sexan contrarios aos preceptos legais ou estatutarios polos que se rixe a fundación, en particular o envío de cartas ofrecendo asesoramento legal a aqueles concellos que se negan a cumprir a Lei de memoria histórica e solicite da autoridad xudicial que acorde a intervención temporal da fundación.
A iniciativa de En Marea tamén insta ao Goberno a que exercite a correspondente acción de responsabilidade dos patronos pola realización de actos contrarios á Lei ou aos Estatutos, instando o seu cese inmediato.

A segunda Proposición non de Lei que En Marea rexistrou no Congreso dos Deputados solicita a modificación da Lei de Fundacións. Así, e tal como explicou Yolanda Díaz en rolda de prensa, “esiximos a súa modificación en tres dos seus preceptos para garantir o que ten que ver cos obxectos das fundacións, para que ningunha delas poida adicarse a venerar e exaltar, destacar ou premiar a figuras que teñen que ver, como neste caso, co franquismo”.

Tamén se solicita nesta iniciativa a modificación do artigo 26, que esixe, tal e como explicou Díaz, “que as fundacións, como a Francisco Franco, que teñan por obxecto venerar e exaltar aos golpistas, non reciban nin un céntimo de euro público para estes obxectivos”.

Finalmente, tamén se solicita a modificación dos artigos 31 e 32 da mencionada Lei de Fundacións, para sexa por autorización xudicial a extinción das propias fundacións. Neste senso a deputada de En Marea, Yolanda Diaz destacou que isto “é algo que parece de sentido común, e incluso parece unha anomalía que non se tivera engadido na redacción inicial da lei”.

Díaz rematou a rolda de prensa sinalando que “sería bo, xa que contamos con novas maiorías no Congreso dos Deputados, que garantamos que estas iniciativas saian adiante”. Ademáis presentaranse tamén como Proposicións de Lei para que sexan de obrigado cumprimento.

Categorías
Política

RELACIONADAS