Emilio Cao: “Se me condenan, tronzaríanme a vida por completo”

O 22 de marzo de 2014 decenas de milleiros de persoas, chegadas de todos os territorios do Estado ateigaron as rúas de Madrid

> Marcos Pérez Pena // O 22 de marzo de 2014 decenas de milleiros de persoas, chegadas de todos os territorios do Estado ateigaron as rúas de Madrid. As Marchas da Dignidade acadaron un sonoro éxito de convocatoria ao berro de “pan, traballo e teito”. Porén, no remate da manifestación a policía cargou contra os e as mobilizadas, detendo a 24 persoas, tres delas galegas. Entres eles estaba Emilio Cao, un rapaz do Carballiño, que daquela tiña 17 anos, acusado de agresión e atentado á autoridade, cargos que nega con rotundidade.

Emilio Cao – Marchas da Dignidade

Dous anos máis tarde, vén de saber que a Fiscalía pide que sea condenado a 5 anos e 8 meses de cárcere e ao pagamento de 600 euros de multa. Este outono Emilio Cao comezou a estudar Filosofía na Universidade de Santiago e salienta que a súa vida quedaría “completamente tronzada” de confirmarse a condena. De momento aínda non hai data fixada para o seu xuízo e polo tanto a incerteza aínda se estenderá uns meses máis. O vindeiro 3 de decembro as Marchas da Dignidade convocan unha manifestación de apoio no Carballiño, que partirá da Praza Maior ás 12 horas, partindo autobuses dende A Coruña, Vigo (por Ponteareas) e O Morrazo.

Que pasou ese 22 de marzo?

Fun á mani, dentro da columna galega. Lembro que cando comezou a carga, estaba falando Cañamero. É algo anecdótico, pero lémbroo perfectamente. E é unha mostra máis de que a carga se produciu no horario no que a manifestación estaba autorizada. As Marchas tiñan un servizo que orde, para impedir que houbese conflitos coa policía, pero a policía ignorouno. Puideron coller a calquera. Eu estaba con compañeiros que non os colleron de puro milagre. A eles ou a calquera da columna galega.

“Cóllenme, tíranme ao chan, esmáganme a cabeza co escudo contra o chan. Iso foi complemente innecesario, non había ningunha posibilidade de que eu puidese escapar”

E colléronte a ti…

Cóllenme, tíranme ao chan, esmáganme a cabeza co escudo contra o chan. Iso foi complemente innecesario, non había ningunha posibilidade de que eu puidese escapar.

Columna galega das Marchas da Dignidade -CC BY-SA Virginia Uzal

Que pasou despois? Como foi o trato en comisaría?

Leváronnos a comisaría. Cando me subiron ao furgón ameazáronme, a min e aos demais, tentando meterlle medo á xente, tentando que te derrubaras. Alí estivemos moitas horas de pé contra unha parede branca, sen poder falar cos compañeiros que tiñamos ao lado, que estaban tamén detidos. Estivemos horas así, os policías vixiando para que non nos xiráramos e non nos movéramos. E só cando a eles lles deu a gana, baixáronnos ao calabozos.

“Estivemos moitas horas de pé contra unha parede branca, sen poder falar cos compañeiros que tiñamos ao lado, que estaban tamén detidos”

Dixéronche de que te acusaban?

Souben do que estaba acusado ao día seguinte, cando me levaron a falar co xuíz. Alí foi cando me dixeron que me acusaban de agresión e atentado á autoridade. Pero non foi ata hai dez días que o avogado me dixo que me pedían 5 anos e 8 meses de cadea e 600 euros de multa. Antes dicíanme que como moito me pedirían 5 ou 6 meses, segundo o auto inicial. Cando me deu a noticia da nova acusación, a verdade é que non daba crédito

Que che di o avogado? Cre que podes saír libre ou teme unha condena?

O avogado di que non debería preocuparme, porque non teño antecedentes. Hai moita xente que estivo nesta situación. Non debería pasar nada, pero sempre existe a posibilidade de que pase o peor.

“Xusto agora acabo de comezar a universidade, isto chega no peor momento”

Que significaría para ti neste momento ir ao cárcere?

Xusto agora acabo de comezar a universidade, isto chega no peor momento. Nos últimos dous anos cambiei moito, agora estudo, estiven traballando un par de meses, tento sacar unha carreira. Se isto vai adiante e me condenan, que espero que non, sería algo que me tronzaría a vida por completo.

Sentes que estás a ser un cabeza de turco? Que se utiliza o teu caso de forma exemplarizante ou para amedrentar?

Eu creo que si. O auto inicial falaba de 5 ou 6 meses e sen multa. Deberon modificar a acusación recentemente. Hai que ter en conta que neste tempo implantaron a Lei Mordaza e reformaron o Código Penal. E que a presión está a ser cada vez maior.

“A miña situación está a sufrila moita xente, por iso debemos estender o espectro da solidariedade a todas as persoas que están a sufrir isto en calquera punto do Estado e as que o sufrirán no futuro. Porque isto vai a peor. Debemos coidarnos uns aos outros, tecer rede”

Que pensas das mostras de apoio que estás a recibir, da campaña de mobilización para a manifestación deste 3 de decembro?

Estou nunha situación de grande incerteza, á espera do xuízo e do que iso pode implicar, pero o apoio moral da campaña, que se está estendendo moito, dáme bastantes azos. Faime sentir que non estou só, que hai un movemento popular que está apoiándome, a min e a toda a xente que sofre a represión do Estado. Faime sentir moi arroupado, faime sentir ben. A miña situación está a sufrila moita xente, por iso debemos estender o espectro da solidariedade a todas as persoas que están a sufrir isto en calquera punto do Estado e as que o sufrirán no futuro. Porque isto vai a peor. Debemos coidarnos uns aos outros, tecer rede.

Fonte: praza.gal

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS