“Do cálculo á informática” as orixes da computación en Galiza

Hai xente que pensa que a informática é cousa de hai poucos anos, pero trabúcase. Os pioneiros da programación e da computación en Galicia xa se retiraron ou están a piques de facelo.
Imaxe: culturagalega.org

Os aparatos cos que trouxeron a Galicia un novo xeito de procesar datos foron rescatados no último momento, ou en moitos casos, tirados ao contedor do lixo, agás chamadas afortunadas do último momento. E moitas das fontes a penas dan valor ao seu traballo pioneiro. O Colexio Profesional de Enxeñaría e o xornalista Henrique Neira levaron a cabo un traballo para rescatar esa memoria a piques de desaparecer.

Un artigo de culturagalega

A publicación Historia da informática en Galicia. Unha cronoloxía, é un traballo colectivo promovido desd e o Colexio Profesional de Enxeñaría de Informática de Galicia por iniciativa de Javier García Tobío, director do Centro de Supercomputación de Galicia. El e máis Fernando Suárez, presidente do Colexio, coordinaron un proxecto que comezou enviando un formulario o máis claro posible a todos os asociados ao colexio e a outras fontes, tentando sistematizar persoas, lembranzas e momentos; iso complementouse coa achega de edición do xornalista Henrique Neira, quen se atreveu a botar a vista atrás para procurar as raíces e a evolución do cálculo en Galicia.

Para iso, Neira baleirou coleccións hemerográficas antigas. “O máis difícil era saber como lle chamaban ás cousas en cada momento”, sinala Neira, “no século XX a riqueza aos ordenadores se lles chamaban robots, cerebros electrónicos…estaban bastante ao día a través das crónicas das axencias de noticia”. Galiciana, a colección dixitalizada de xornais da Xunta, axudou moito na tarefa de Neira, na que o xornalista foi descubrindo a penetración das máquinas de calcular a través dos bancos e os institutos, e como no XIX chegaba a Galicia o primeiro aritmómetro, unha máquina empregada desde 1820.

“En Galicia sabían bastante o que ocorría polo mundo. Iso non quere dicir que tiveran os aparellos”. Xa en 1855 hai un enxeñeiro galego que visita a exposición universal de París e dá conta nun informe á deputación das máquinas de cálculo. Da Universidade o problema é que non temos unha guía de aquela época. “A perspectiva da prensa é sempre positiva, parece que lles gustan as novidades tecnolóxicas, pero que se ven como algo exótico que fica algo afastado”, afirma o xornalista.

Neira é un dos pioneiros de Internet en Galicia, e un dos primeiros xornalistas que creou sitios web de carácter cultural e participante na creación dos primeiros medios dixitais galegos e en galego. Para el, este libro chega nun momento providencial, cando se comeza a perder a memoria dos primeiros veteranos e pioneiros da informática en Galicia.

“Agora hai que facer o mesmo pero coa propia memoria de Internet”, sinala o xornalista.

Dez momentos da historia da informática e o cálculo en Galicia

.

Unha selección de Henrique Neira.

40 d.C. Miliario da Gándara. Localizado entre Vedra e Boqueixón. Os miliarios pénsanse que son unha das primeiras mostras de numeración romana na Gallaecia. Este é un dos máis antigos.

1549. Ordenanzas do concello de Santiago. Estas ordenanzas son o documento oficial galego máis antigo que coñecemos que emprega cifras indo-arábigas no seu título.

1853. As táboas de logaritmos de Vázquez Queipo. Eran as calculadoras da época. Este é o libro matemático máis editado en España, con edicións ata 1974.
1878. Máquina de calcular de Verea Ramón Verea Aguiar y García obtén en Estados Unidos a patente dun innovador modelo de calculadora. A Verea Direct Multiplier é a primeira máquina que fai multiplicacións de forma directa.
1962. Primeiro computador analóxico. Foi un TF-20 da firma estadounidense EAI que comezou a funcionar no Departamento de Química Técnica da USC polos profesores Joaquín Ocón e Manuel Bao. “O profesor Manuel Bao comentaba que non estaba claro se a informática avanzaría pola vía analóxica ou dixital”, sinala Neira.

1963. A primeira programadora galega. “Pensamos que a primeira programadora galega e española é Ana María Prieto, que comeza a traballar en Bull General Electric en Madrid. Atopamos moitas mulleres como operadoras pero poucas como programadoras.”

1979. Proxecto Telegal. Curso de formación de profesorado en informática, para experimentar a ver que pasa se se levan ordenadores ás escolas.
1993. CESGA. Inaugúrase o Centro de Supercomputación de Galicia e conéctase coa Internet e crea unha Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia para darlles servizo ás universidades e entidades públicas.
2014. Inaugúrase o punto Gal. Tras sete anos de traballos, Galicia estrea o seu propio dominio para a lingua e cultura do país.
2015. Primeiro vehículo autónomo. Un vehículo autónomo fai a primeira viaxe entre O Porriño e Madrid.

Categorías
Cultura

RELACIONADAS