Despois de 34 anos A Coruña recupera a toponimia oficial para as súas rúas


Con 34 anos de atraso, desde que en 1983 se aprobara a Lei de Normalización Lingüística. Máis de tres décadas despois, A Coruña comeza a adaptar o seu rueiro...

Con 34 anos de atraso, desde que en 1983 se aprobara a Lei de Normalización Lingüística. Máis de tres décadas despois, A Coruña comeza a adaptar o seu rueiro á toponimia oficial, retirando varias placas que empregaban denominacións deturpadas para referirse a varias localidades galegas en diferentes rúas da cidade.

Serán, en total, 22 correccións coas que deixarán de lerse nomes aberrantes como Villa de Lage, Mellid, Sobrado de los Monjes ou Puenteceso para pasar a lucir os topónimos na súa única denominación válida e oficial, segundo a devandita Lei de Normalización. Este xoves, nun acto simbólico, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e mais o de Arteixo, Carlos Calvelo, descubriron a placa que devolve á localidade o seu nome nunha avenida que foi sempre símbolo da recuperación das formas non deturpadas. De feito, placas alternativas e correccións veciñais sobre a oficial anticipaban o que agora é real e que tanto reclamou tamén o rexedor popular arteixán.

Foi só a primeira. A de Arteixo recupera o seu único nome oficial e a esta avenida seguiralle proximamente a de Finisterre e a rúa Villa de Lage, que pasarán a denominarse avenida Fisterra e rúa Vila de Laxe. Ferreiro destacou “o simbolismo” do acto deste xoves, “co que o Concello dá inicio a unha regularización do rueiro coruñés, dando cumprimento a unha demanda de normalización”. “O que é normal en todos os ámbitos do noso país, nas vilas e nas cidades, tamén debe ser normal no rueiro da nosa cidade”, dixo o rexedor, que avanzou que nas próximas semanas se procederá ao cambio doutras placas, de cara a normalizar a toponimia. Calvelo, pola súa banda, destacou “o xesto da corporación coruñesa, que con este acto reflicte o nome verdadeiro de Arteixo”.

Nin nos catro anos de mandato do PP con Carlos Negreira, nin nos vinte e pico co socialista Francisco Vázquez, nin nos do executivo bipartito se respectou a toponimia oficial en varias rúas da Coruña. Nin tan sequera se cumpriu coa mudanza que fora aprobada en pleno, hai xa varios anos, froito dunha moción presentada polo BNG. Nin aquel goberno de coalición entre PSOE e Bloque nin o último e único popular fixeron efectivas as modificacións. O alcalde Xulio Ferreiro ordenou o pasado mes de novembro poñer en marcha os cambios.

As denominacións que serán modificadas, tanto nos rexistros coma na sinaléctica fixa, son as seguintes: Arteijo (Arteixo), Baldayo (Baldaio), Baños de Arteijo (Baños de Arteixo), Cabañas (Cabanas), Cangas de Morrazo (Cangas do Morrazo), Faro Finisterre (Faro Fisterra), Finisterre (Fisterra), Forcarey (Forcarei), Mellid (Melide), Monasterio de Jubia (Mosteiro de Xubia), Monasterio de Toxos Outos (Mosteiro de Toxosoutos), Noya (Noia), Orense (Ourense), Oza de los Ríos (Oza dos Ríos), Puentedeume (Pontedeume), Rianjo (Rianxo), Río Jallas (Río Xallas), Sobrado de los Monjes (Sobrado dos Monxes), Tuy (Tui), Villa de Lage (Vila de Laxe) e Villa de Órdenes (Vila de Ordes). Entre elas hai pequenas rúas situadas no interior dos barrios, pero tamén importantes vías, coma a Avenida de Arteixo, a Avenida de Fisterra ou a céntrica Praza de Ourense.

O cambio dos topónimos deturpados no rueiro coruñés chega logo de que, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, o goberno local retirase tamén aquelas placas con referencias a dirixentes fascistas ou que homenaxearan o réxime ditatorial

praza.gal

Categorías
Cultura

RELACIONADAS