Denuncian trato de favor aos ex-dirixentes de Novacaixagalicia no cárcere da Lama

Segundo sinala o PSOE, os ex-dirixentes bancarios foron derivados ao módulo de respecto ou convivencia. Enrique Vaqueiro advertiu que "o sistema penitenciario ten que dar igual trato a todo o mundo, e non por ser bandidos de colo branco se lles debe de derivar en módulos mais laxos".
O PSdeG do Concello da Lama vén de reclamar “igual trato” para os ex-directivos de Novacaixagalicia que para o resto de presos no cárcere situado na localidade. Así llo solicitou o voceiro socialista no municipio, Enrique Vaqueiro, ao director do centro penitenciario logo do envío á cadea da Audiencia Nacional aos cinco ex-directivos das antigas caixas.

O PSdeG pide que os ex-directivos cumpran a condena “nas mesmas condicións que calquera outro cidadán que cometese un delito”

Segundo sinala o PSOE, os ex-dirixentes bancarios foron derivados ao módulo de respecto ou convivencia. Enrique Vaqueiro advertiu que “o sistema penitenciario ten que dar igual trato a todo o mundo, e non por ser bandidos de colo branco se lles debe de derivar en módulos mais laxos”. Por todo isto, reclama que Pego, Gorriarán, Rodríguez Estrada, Gayoso e Pradas cumpran a condena “nas mesmas condicións que calquera outro cidadán que cometese un delito”. “Sen ningún tipo de privilexios”, engadiu.

Vaqueiro tamén reclamou explicacións “sobre a suposta recepción das autoridades do centro penitenciario á súa chegada ao cárcere”. “Queremos saber quen os recibiu e de que forma, non pode haber ningún trato de favor, por moi importantes que sexan”, asegurou Vaqueiro en declaracións aos medios, nos que lamentou tamén que “Feijóo cualifique isto como dramático, cando o que é non é máis que o resultado dunha operación apadriñada polo propio presidente da Xunta que derivou na quebra e rescate con diñeiro público das caixas  galegas”. “Que un director do banco se vaia con 10 millóns de indemnización é unha vergoña parecida ao que pasa en países bananeiros“, insistiu.

“Aquí hai un centro penitenciario e non nos queda doutra máis que atendelos, pero en igualdade de condicións, como o resto de presos. Aquí todos deben ser iguais”, rematou o portavoz do PSdeG.

praza.gal

 

Categorías
Política

RELACIONADAS