Cuestionan a necesidade do proxecto de REE na Mariña

Xoán Doldán suxeriu que o proxecto de subestación de Abegondo está relacionado con modificacións na xa existente en Mesón do Vento non para atender á demanda de consumo doméstico senón aos intereses da industria e das eléctricas. “Ten licencia social este plan de REE? Non se lle pode dar!”, dixo Ana Varela.

Betanzos, 18 de febreiro. “Quen quere vivir cerca destas liñas? Mesmo os técnicos de Rede Eléctrica Española confesáronnos que non”, dixo Marta Galán, portavoz de plataforma As Mariñas Sen Liña de Alta Tensión, na presentación hoxe sábado do colectivo na Asociación de Veciños Santa María A Ribeira, en Betanzos.

Nunha asemblea informativa para afectados e veciños, na que tamén participaron Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada na USC e presidente da Asociación Véspera de Nada; e Ana Varela, xurista e secretaria da Asociación Petón do Lobo, a plataforma advertiu dos efectos medioambientais, para a saúde e tamén paisaxísticos do plan de REE, e cuestionou a necesidade de que se leve adiante tal proxecto.

REE pretende instalar nunha área de entre 12 e 16 hectáreas do concello de Abegondo unha subestación para subministrar electricidade á comarca da Coruña. O tendido, duns 32 quilómetros de lonxitude e con piares cada 500 metros, segundo explicaron membros da plataforma, atravesará cinco concellos. A plataforma sospeita que mesmo estean proxectados dous corredores rodeando o monte Xalo cara a Coruña.

A plataforma fórmase, segundo indicaron, pola falta de información pública sobre os impactos do plan de REE. E sinalaron que a primeira acción de oposición ao proxecto xa se está levando a cabo a través dunha campaña de alegacións ás novas directrices de ordenación da paisaxe, alegacións que se poden facer de maneira telemática.

“Non sobra enerxía en Galiza”, avanzou Doldán, “pero iso non quere dicir que non haxa un negocio arredor da enerxía”. O economista recorreu aos datos do balanzo enerxético do país para mostrar como “o maior consumidor da electricidade que se consume en Galicia é a industria, moi por riba do sector doméstico”. E recordou como a central das Pontes se construíu para abastecer á metalurxia do aluminio que chegou a consumir a metade da electricidade do país e pagándoa máis barata que o consumidor de a pé.

 

Evacuación de electricidade a través de Mesón do Vento. Proxectos paralelos.

Doldán explicou logo que as empresas distribuidoras, e tamén REE -que executa as obras- participan na planificación enerxética do Estado. Doldán suxeriu que o proxecto de subestación de REE en Abegondo está relacionado con modificacións na xa existente en Mesón do Vento, e que teñen que ver con que as redes “fanse para traer a enerxía ás casas, pero tamén para levala fóra, así que parte destas infraestruturas estarían pensadas non para as necesidades propias de Galicia”.

A ampliación de Mesón do Vento respondería a novos proxectos de evacuación de electricidade, dixo Doldán, que se mostrou sorprendido de que a memoria económica do plan subliñe que a inversión en Abegondo se amortizaría en dous anos. Tamén advertiu que “REE fala de apoios á demanda industrial da Coruña, non ao consumo doméstico, como se está vendendo”. E recordou que a infraestrutura de Abegondo se inxire nun plan máis amplo, e que a clave podería estar na actuación proxectada entre Dumbría-Mesón do Vento para dar saída a produción de Ferroatlántica, “para evacuar máis electricidade”. Abegondo estaría destinada a aliviar a carga da estación de Mesón, que podería ter que soportar a saída cara a Portugal -xunto a outras actuacións que se están planificando no sur de Galicia-.

 

Urxencia e oportunidade nas alegación ás directrices sobre a paisaxe

Ana Varela, da Asociación Petón do Lobo, animou á veciñanza a participar mediante alegacións no borrador das directrices da paisaxe. “Trátase de garantir que os usos que se elixiron para as diferentes paisaxes, que se decidiron por participación cidadá”, explicou. “Solicitade a protección da paisaxe desa reserva da biosfera afectada por ese plan de REE, é un arma poderosa porque as directrices están por riba de calquera outro plan”, insistiu Varela. O prazo remata o 2 de marzo. “Hai que dicirlles nesas alegacións que non queremos ningunha liña eléctrica aérea na reserva da biosfera, que é ilegal, e as directrices parecen non telo claro”, concluíu a xurista recordando que os veciños de Catasós recolleron miles de firmas para frear a agresión á súa paisaxe. “Ten licencia social este plan de REE? Non se lle pode dar!”.

Categorías
Ecoloxía

RELACIONADAS